Estás en:Novas

A Deputación destina 495.598 euros á creación dun sendeiro xacobeo en Muxía e á mellora do acceso á praia de Lago

O goberno provincial e o Concello de Muxía apostan pola mellora da seguridade viaria e peonil no municipio

A Deputación destina 495.598 euros á creación dun sendeiro xacobeo en Muxía e á mellora do acceso á praia de Lago

O deputado e responsable de Plans provinciais da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, e o alcalde do Concello de Muxía, Félix Porto, asinaron está mañá un convenio de colaboración polo que a institución investirá 495.598 euros para acometer a creación dunha sendeiro xacobeo entre os núcleos de Merexo e Os Muíños, e no que tamén se inclúe a mellora e pavimentación da estrada municipal que dá acceso á praia de Lago.

O proxecto, cofinanciado entre a Deputación da Coruña e o Concello de Muxía, ten por obxecto mellorar a seguridade viaria e peonil da veciñanza e dos centos de peregrinos que diariamente transitan polas estradas do municipio no seu camiño cara o Santuario da Virxe da Barca.

As obras, suporán un investimento total de 534.769,88 euros, dos que o 37% (200.000 €) serán achegados pola institución provincial a través do convenio do colaboración asinado esta mañá, 295.598,35 € serán financiados con cargo ao Plan único da Deputación (POS+2018), e os restantes 39.171,53 €, serán achegados mediante os fondos propios do concello.

A primeira das actuacións, consistirá na pavimentación do firme dos 3'7 quilómetros de estrada que une o lugar dos Muíños coas praias de Lago e Leis. Así, aplicaranse seis centímetros de aglomerado en quente e eliminaranse as elevacións e os desperfectos existentes na plataforma. Ademais, a anchura da estrada será ampliada até os 5,5 metros.

Do mesmo xeito, a memoria do proxecto tamén inclúe a roza e limpeza das marxes da vía, a instalación 600 metros de cuneta revestida de formigón, 300 metros de canalizacións e 15 sumidoiros para a recollida de pluviais, así como a sinalización horizontal dos pasos de peóns e sinais de circulación.

Un novo sendeiro xacobeo mellorará a seguridade dos peregrinos

Xunto coa aposta das administracións por optimizar a seguridade do tráfico rodado no municipio, o convenio de colaboración rubricado está mañá tamén contempla a creación dun sendeiro peonil de 1'4 quilómetros, co que se pretende mellorar en termos de comodidade e seguridade este tramo do Camiño ao seu paso por Muxía.

O novo sendeiro xacobeo ocupará a marxe dereita da calzada que conecta os núcleos de Merexo e Os Muiños, e estará configurado por lastros de formigón envellecido, na procura de reproducir o aspecto o antigo pavimento románico e acadar a unha integración perfecta nesta paraxe rural.

Páxinas suxeridas