Estás en:Novas

A Deputación impulsa a recuperación do bordo marítimo da costa de Noia cunha achega de máis de 47.000 euros

As obras rehabilitarán o paseo marítimo á altura da antiga fábrica de motores "Motoraco" e reducirán o impacto visual do EDAR

A Deputación impulsa a recuperación do bordo marítimo da costa de Noia cunha achega de máis de 47.000 euros

O deputado e responsable de Plans Provinciais da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, e o alcalde do Concello de Noia, Santiago Freire, asinaron está maña un convenio de colaboración polo que a institución provincial financiará con 47.664 euros a recuperación do borde marítimo de Abruiñeiras, no termo municipal de Noia.

Tras ser aprobado por unanimidade de todos os grupos políticos na sesión plenaria do pasado 27 de xullo, a sede da institución provincial acolleu esta mañá a sinatura dun convenio que ten por obxecto "rexenerar, restaurar e renaturalizar" a franxa litoral próxima á antiga fábrica de motores "Motoraco", co ánimo de habilitar novos espazos públicos na área colindante á factoría.

A Deputación da Coruña achegará o 80% dunha actuación cuxo importe total ascende até os 59.580 euros, contribuíndo así á rehabilitación e acondicionamento dunha área da vila que segue a conservar certo valor histórico-patrimonial, de acordo a actividade industrial que se desenvolveu neste emprazamento a principios do século XX.

A aposta conxunta do ente provincial e o Concello de Noia pola recuperación ambiental e mellora do impacto visual desta zona da vila consistirá en diversos traballos de demolición e limpeza, abordando, así mesmo, á desmontaxe dos elementos degradantes presentes na contorna da antiga fábrica. Por outra banda, o proxecto tamén acometerá a consolidación dos muros da factoría co obxectivo de que poida ser visitada en condicións de seguridade no futuro.

A memoria técnica deste plan de rehabilitación tamén contempla a integración paisaxística da estación de augas residuais (EDAR) situada nesta demarcación da vila, estando proxectada a súa ocultación mediante a plantación de vexetación arbórea.

Páxinas suxeridas