Estás en:Novas

O Club de Remo Cabo de Cruz gaña a XXIX edición da Bandeira de Traíñas “Deputación da Coruña”

O deputado responsable da área de Deportes, José García Liñares, foi o encargado de entregar os premios aos vencedores da proba

A institución provincial destina 13.000 euros en premios para os nove participantes que percorreron as 3 millas náuticas.

O Club de Remo Cabo de Cruz gaña a XXIX edición da Bandeira de Traíñas “Deputación da Coruña”

Nove clubs de remo da provincia disputaron hoxe mércores, en Rianxo a tradicional Bandeira de Traíñas da Deputación da Coruña. O Club de Remo Cabo de Cruz Cruz foi o vencedor desta vixésima novena edición.
O deputado responsable da área de Deportes, José García Liñares, foi o encargado de entregar os premios aos vencedores despois da proba onde destacou "a longa traxectoria da bandeira de traíñas da Deputación" que a converten "nunha das competicións con maior prestixio e arraigo do remo galego e nun espectáculo en augas de Rianxo".
Neste sentido, apuntou que a intención da Deputación é "seguir apoiando economicamente o gran labor que realizan os clubs de remo da provincia e fomentar a afección a este deporte", unha disciplina "moi esixente fisicamente", que ademais "conta cunha gran tradición en todo o litoral galego".
Os clubs participantes nesta edición foron: Club de Remo Cabo de Cruz, Club de Remo Ares, Club de Remo Puebla, Club de Remo Rianxo, Club de Regatas Perillo, Club de Remo A Cabana-Ferrol, Club Deportivo Mariñeiro de Mera,  Club de Remo de Muros e Asociación Deportiva Esteirana de Remo.
Os remistas percorreron 3 millas náuticas (5.556 metros), distribuído en 4 largos de 1.390 metros con 3 ciabogas. A competición desenvolveuse en dúas quendas. Na primeira participaron o Club de Remo de Muros, o Club de Remo A Cabana-Ferrol, o Club de Regatas de Perillo e a Asociación Deportiva Esteirana de Remo. A segunda quenda contou coa participación do Club de Remo Cabo de Cruz, Club de Remo Ares, Club Deportivo Mariñeiro de Mera, Club de Remo Rianxo e Club de Remo Puebla.
O Club de Remo Cabo de Cruz, gañador da Bandeira nesta edición, conseguiu 2.500 €. O Club de Remo Ares, segundo clasificado, 2.000 € e o Club Deportivo Mariñeiro de Mera, terceiro clasificado, 1.800 €. O resto de premios quedaron así distribuídos: cuarto 1.500 €, o quinto 1.300 €, o sexto 1.200 €, o sétimo 1.000 €, o oitavo clasificado 900 € e o noveno 800 €.

Páxinas suxeridas