Estás en:Novas

González Formoso entrega os premios aos gañadores do XIX Torneo de Tenis de Mesa Cidade de Narón

A cita contou coa presenza de máis de cen deportistas de 16 clubs das catro provincias galegas e de León divididos nas categorías benxamín, alevín, infantil e absoluta

González Formoso entrega os premios aos gañadores do XIX Torneo de Tenis de Mesa Cidade de Narón

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, xunto co concelleiro de deportes do Concello de Narón, Román Romero, e o presidente do Club de Tenis de Mesa Cidade de Narón, Fernando Montero, entregaron este domingo os premios aos gañadores do XIX Torneo Cidade de Narón disputado no Pavillón Campo da Serra de Santa Icía.

O Club de Tenis de Mesa Cidade de Narón foi o encargado de organizar este evento no que se deron cita máis de cen deportistas de 16 clubs das catro provincias galegas e de León. Os participantes dividíronse en catro categorías, benxamín, alevín, infantil e absoluta, todas elas en modalidade masculina e feminina, a excepción das categorías benxamín e alevín femininas que non contaron con representación.

No caso da categoría absoluta, tivo como novidade a división en diferentes niveis en función da clasificación e da categoría dos xogadores e das xogadoras. A modalidade masculina quedou dividida en cinco grupos e a feminina en dous.

En categoría benxamín, Martín García do Club de Tenis de Mesa Cidade de Narón foi o vencedor. Por outra banda, Xoán Vila, tamén do Cidade de Narón, logrou o triunfo en categoría alevín, mentres que en infantís, Martín Fernández, do Oroso, e Laura Forte, de Monte Porreiro, subíronse primeiros ao podio. Na categoría absoluta, as vitorias foron para Ignacio Fernández (Monte Porreiro) no grupo 1, Edgar Ramón (Oleiros) no grupo 2, Fernando Blanco (Berciano Toralense) no grupo 3, Manuel García (Monte Porreiro) no grupo 4 e Alberto López (Oleiros) no grupo 5. En categoría feminina, Noa Bernárdez (Monte Porreiro) venceu no grupo 1 e Ana García (Ribadeo) no grupo 2.

Formoso foi o encargado de entregar os premios ao remate da competición nunha mostra máis do apoio que a Deputación provincial vén realizando nos últimos anos a este club a través das diferentes liñas de subvencións. No ano 2017, a institución provincial achegou 6.000 euros a esta entidade como recoñecemento ao esforzo do club e dos seus xogadores para conseguir que cada ano aumente o número de seguidores desta disciplina deportiva.

A través destas subvencións, a Deputación da Coruña amosa o compromiso que mantén co deporte que se realiza nos concellos da provincia coruñesa e, neste caso, cun club que leva moito tempo conseguindo excelentes resultados a nivel autonómico e nacional.

Páxinas suxeridas