Estás en:Novas

A Deputación convoca as subvencións para clubs deportivos en competicións de ámbito local, provincial e autonómico

O prazo de solicitude está aberto dende mañá ata o 20 de setembro

Proximamente convocaranse as destinadas a deportistas de nivel nacional e internacional

A Área de Deportes da institución provincial destina este ano 2,3 millóns de euros a apoiar os clubs coruñeses no fomento do deporte

A Deputación convoca as subvencións para clubs deportivos en competicións de ámbito local, provincial e autonómico

A Deputación da Coruña publica hoxe no Boletín Oficial da Provincia a convocatoria da liña de subvencións destinadas a clubs deportivos da provincia que participen en competicións federadas de ámbito local, provincial ou autonómico durante o ano 2018.

A partida económica destinada a estas axudas ascende este ano a 655.000 euros e as subvencións que se van conceder oscilarán entre os 1.000 e os 60.000 euros. Arrendamento de vehículos, gastos de transporte, seguros, arbitraxes ou cotas federativas son algúns dos gastos subvencionables dentro deste programa.

O prazo de solicitude está aberto dende mañá martes, 28 de agosto, e remata o vindeiro 20 de setembro ás 14.00 horas. Todas as solicitudes deben tramitarse por vía telemática a través da plataforma Subtel da Deputación (http://sede.dacoruna.gal).

Nos vindeiros días publicarase unha convocatoria similar, dotada cun orzamento de 550.000 euros, para clubs coruñeses federados que participen en competicións de nivel nacional e internacional. Neste caso, as axudas poden chegar ata os 75.000 euros.

2,3 millóns para potenciar o deporte coruñés

Ademais destes 1,2 millóns de euros que a Deputación da Coruña destina a apoiar a clubs e deportistas federados que participen en competicións de todos os niveis; a Área de Deportes da institución provincial coruñesa xa convocou este ano outras tres liñas de subvención, por importe de 1,1 millóns de euros, para o fomento de actividades, a construción e rehabilitación de infraestruturas e a organización de grandes eventos deportivos.

"En total, este ano destinamos 2,3 millóns de euros para apoiar a clubs coruñeses no fomento da actividade deportiva na provincia. Dende o deporte base ata os grandes eventos deportivos, a Deputación colabora na promoción e potenciación do deporte coruñés", afirmou o deputado responsable da área, José García Liñares.

Páxinas suxeridas