Estás en:Novas

A Deputación da Coruña achega un minibús adaptado ao Centro A Creba de Noia e Ribeira

Insírese na liña de axudas dotada con 373.163 euros para vehículos de entidades sociosanitarias

A Deputación da Coruña achega un minibús adaptado ao Centro A Creba de Noia e Ribeira

A deputada responsable da Área de Benestar Social da Deputación da Coruña, Ánxela Franco, o o deputado de Promoción Económica, José Luís García, participaron esta mañá no acto de entrega realizado en Noia dun vehículo adaptado para o Centro A Creba. A furgoneta realizará servizos para os programas da entidade tanto nos centros de Noia como no de Ribeira.

O vehículo entregado pola Deputación da Coruña trátase dun minibús de 18 prazas que facilitará o servizo de transporte ás persoas usuarias dos distintos programas desenvolvidos pola Asociación A Creba. A entidade empregará o transporte nas rutas de desprazamento desde os concellos de Rianxo, Boiro, Pobra do Caramiñal, Ribeira e Porto do Son ao Centro de Rehabilitación Psicosocial de Ribeira e as procedentes de Muros, Outes, Noia, Lousame, Porto do Son, Boiro e Rianxo aos centros ocupacional e de rehabilitación Psicosocial de Noia. Os programas de respiro e integración comunitaria noutros concellos realizados pola entidade con periodicidade semanal completarán os servizos para os que A Creba solicitou o apoio da Deputación da Coruña a través do programa de adquisición e cesión de vehículos a entidades sen fin de lucro sociosanitarias.

A deputada de Benestar Social, Ánxela Franco, destacou no acto de entrega "o grande labor que desenvolve A Creba nos distintos programas que promoven para a rehabilitación e integración social e laboral das persoas usuarias, un traballo que quere apoiar a Deputación da Coruña a través de distintas liñas de axuda, entre elas, esta que permitirá facilitar o traslado das persoas cun vehículo adaptado que responde ás necesidades da entidade".

Ademais, Ánxela Franco, destacou o deber das institucións públicas de "responder ao traballo das entidades sociosanitarias que están a ofrecer servizos imprescindíbeis para a calidade de vida das persoas que máis o precisan".

Pola súa parte, o deputado de Promoción Económica, Xosé Lois García, fixo fincapé na necesidade de "camiñar cara a a integración laboral das persoas afectadas por enfermidades psiquiátricas que é un dos obxectivos do centro ocupacional de A Creba que terá a partir de agora un servizo imprescindible para achegar aos usuarios á sede da entidade, facilitando tamén a conciliación das familias".

11 vehículos adaptados para entidades

O minibús que hoxe recibiron representantes da directiva da Creba da Deputación da Coruña forma parte dos once vehículos adaptados cos que a institución apoia a entidades sen ánimos de lucro do ámbito dos servizos sociais para a mellora dos seus servizos a través dunha liña de concorrencia competitiva.

A Creba leva funcionando con centros abertos en Noia e Ribeira desde 1994, cando foi creada a iniciativa dun grupo de profesionais e familiares de persoas afectadas por enfermidades mentais e psiquiátricas co fin de conseguir de forma colectiva recursos e servizos.

Páxinas suxeridas