Estás en:Novas

O artista polaco Wieslaw Haladaj gaña o Premio Internacional Jesús Núñez de arte gráfica da Deputación da Coruña

Presentáronse un total de 138 obras de máis de vinte países

O premio está dotado con 6.500 euros

O artista polaco Wieslaw Haladaj gaña o  Premio Internacional Jesús Núñez de arte gráfica da Deputación da Coruña

O artista polaco Wieslaw Haladaj (1959) coa súa obra "Appearance-22" é o gañador da 13 edición do Premio Jesús Núñez de Arte Gráfica da Deputación da Coruña que hoxe se decidiu nunha reunión do xurado que se desenvolveu na Fundación CIEC de Betanzos. O xurado destaca a alta calidade das obras presentadas.

O xurado destacou que a obra de Wieslaw Haladai ten un "alto nivel técnico e unha minuciosa elaboración coa que o autor conseguiu crear unha obra que a través do trazo amalgama imaxes nas que se descubre un mundo de rostros e miradas conmovedor". Definiron, desta maneira a obra como "un bosque de trazos nos que se adiviñan as imaxes humanas nunha creación que sobrepasa a mera peripecia técnica e incorpora outra máis contemporánea, un compromiso estraño coa figuración". A maioría dos votos optou pola obra de Haladaj entre as 138 presentadas a esta edición do premio da Deputación da Coruña. O artista gañador recibirá un premio de 6.500 euros.

O xurado estivo composto polo crítico de arte e comisario de exposicións, Alberto González Alegre, a artista Carmen Isasi Martínez, o director do Festival Internacional de Grabado FIG Bilbao, Roberto Sáenz de Gorbea, o historiador da arte e director da Fundación CIEC, Pedro González Galilea e a gañadora da anterior edición do premio, a artista Federica Bau. A vicepresidenta e responsábel da área de Cultura da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín Rei, actuou como presidenta do xurado e a xefa do Servizo de Cultura, Mercedes Fernández-Albalat como secretaria.

Despois de deliberar ao longo de toda a mañá, o xurado valora a "alta calidade" das obras presentadas a esta edición do certame, do que se seleccionaron trinta pezas que comporán o catálogo e a exposición que itinerará por distintos concellos da Coruña.

Os accesits foron para o mexicano Rubén Morales Laka coa súa obra, "Forma e vacío", e a autora iraniana, Mehdi Darvichi cunha obra sen título. Recibiron mención de honra a artista polaca Anna Trokanowska coa obra "Kandomización-Eschemi-03", o polaco Marcil Bialas coa obra "Empty egg II" e a madrileña Lola Fernández Corral coa obra "Aporía gráfica III".

Nesta edición presentáronse un total de 138, a metade procedentes de 21 países de fóra do Estado español.

Páxinas suxeridas