Estás en:Novas

A Deputación da Coruña premia cunha viaxe literaria á gañadora do concurso #Hoxeleoen

Máis de cen participantes publicaron nas redes imaxes das súas lecturas de verán

A Deputación da Coruña premia cunha viaxe literaria á gañadora do concurso #Hoxeleoen

A foto está feita en Ferrol, co mar de fondo e o libro Ollos de auga de Domingo Villar en primeiro plano e é a gañadora do concurso #hoxeleoen promovido pola Biblioteca e a área de Turismo da Deputación da Coruña que ten como obxectivo animar a ler como parte da viaxe e as vacacións. Máis de cen persoas participaron no certame.

Na propia Biblioteca da Deputación da Coruña desenvolveuse este martes 12 de setembro o acto de entrega do premio do concurso #hoxeleoen, organizado pola Biblioteca en colaboración coa área de Turismo da Deputación, polo que a autora da imaxe premiada Zaída Panadero Álvarez, de Ferrol, é a gañadora dunha viaxe literaria a París para dúas persoas.

O deputado de Turismo Xosé Regueira Varela, a xefa de Sección de Turismo Mª Teresa Loureiro Ventureira, e a Arquiveira Bibliotecaria, Mª Dolores Liaño Pedreira participaron no acto de entrega do premio que consiste nunha viaxe á cidade de París con especial atención á súa vinculación coa literatura.

No acto de entrega, o deputado Xosé Regueira parabenizou á gañadora e destacou a participación nun concurso que ten como obxectivo "promocionar o territorio tamén coa lectura que é, sen dúbida, a mellor compañia do verán e algo que forma parte importante da propia viaxe".

O concurso de verán tivo como obxecto a dinamización e animación á lectura, así como a difusión do patrimonio paisaxístico e cultural dos concellos da Coruña.

As persoas participantes remitiron a través das redes sociais e do correo electrónico fotografías dos seus recunchos a preferidos para ler este verán, xunto coas lecturas das que estaban a gozar.

Entre tódalas fotografías participantes, que nesta edición foron 103, sorteouse unha viaxe a París relacionada coa temática literaria do concurso do que saíu gañadora a ferrolá Zaida Panadero Álvarez.