Estás en:Novas

A Deputación e o Concello da Capela investirán 242.000 euros na mellora do acceso ás Fragas do Eume

O pleno aprobará o venres a pavimentación do vial que da acceso ás fragas dende o núcleo de As Neves e a construción de novos tramos de beirarrúas

A Deputación e o Concello da Capela investirán 242.000 euros na mellora do acceso ás Fragas do Eume

O pleno da Deputación da Coruña aprobará oeste venres o convenio para o financiamento das obras de mellora dos camiños de acceso ás Fragas do Eume. Os traballos suporán un investimento de 241.977,75 euros dos que o 80% (193.582,20 €) serán achegados pola Deputación e o 20% restante polo Concello.

O proxecto contempla a mellora do camiño entre o núcleo principal de As Neves, preto da Casa do Concello, e o núcleo rural de Coto-Paces, un tramo de algo máis de 2 quilómetros que serve como acceso principal ás Fragas do Eume, un dos bosques atlánticos mellor conservados de Euripa, con 9.000 hectáreas de extensión cuxos vertices se sitúan entre As Pontes, Pontedeume e Monfero.

Beirarrúas e cunetas de seguridade

As obras incluirán a renovación completa da capa de rodaxe do vial cunha capa de aglomerado en quente de 5 cm de espesor e a execución de novos tramos de beirarrúas de 1,80 metros de ancho que contribuirán a mellorar a seguridade peonil en dúas zonas do itinerario que suman preto de medio quilómetro e que actualmente carecen desta infraestrutura.

Tamén se executarán un total de 1,2 quilómetros de cuneta de seguridade revestida de formigón armado e dotarase á zona dun sistema de recollida de augas pluviais e preinstalación de tubaxe para o soterramento do alumeado público.

As obras incluirán tamén a limpeza das gavias para o correcto drenaxe lonxitudinal e transversal da calzada e a dotación de nova sinalización horizontal e vertical.

Páxinas suxeridas