Estás en:Novas

A Deputación da Coruña aproba este venres as obras de humanización do adro da igrexa de Santa Cristina de Marcelle, na Baña

O proxecto, que suporá un investimento de preto de 77.000 euros, eliminará os problemas de encharcamento da explanada e recuperará este espazo para uso veciñal coa colocación de bancos e pavimento de granito

A Deputación da Coruña aproba este venres as obras de humanización do adro da igrexa de Santa Cristina de Marcelle, na Baña

O pleno da Deputación da Coruña aprobará mañá venres un convenio co Concello da Baña para o financiamento das obras de mellora e humanización do adro da igrexa de Santa Cristina de Marcelle. O custo total da obra é de 76.848 euros, dos que a Deputación financiará o 71% (57.000 euros).

Os traballos pretenden, en primeiro lugar, solucionar os problemas de acumulación de auga e empozamento que se producen habitualmente na explanada que rodea a igrexa e a casa reitoral, un lugar usado como zona de ocio e celebración de actividades lúdico-recreativas da veciñanza.

Para isto, dotarase a zona dunha capa filtrante de grava sobre a que instalará terra vexetal e céspede. Así mesmo, construiranse unha serie de ramais de drenaxe soterradas que permitirán recoller a auga e canalizala ata un pozo existente nas marxes da calzada que linda co adro.

A zona dotarase tamén de nova pavimentación de acceso tanto peonil coma para vehículos, ambas a base de lousas granito silvestre con acabado abuxardado e xuntas verdes para lograr unha integración acorde co contorno. Os tramos peonís darán acceso tanto á igrexa como á zona do cruceiro.

Finalmente, dotarase o adro dunha bancada que permita a reunión e descanso dos veciños na zona. A bancada instalarase no muro que delimita o predio e será cunha estrutura de aceiro negro liso con esmalte metálico sobre a que se instalarán unha serie de listóns de madeira, permitindo tamén unha axeitada integración no contorno.