Estás en:Novas

O pleno da Deputación aproba por unanimidade unha declaración pedindo a condonación da débeda do porto da Coruña

O pleno da Deputación aproba por unanimidade unha declaración pedindo a condonación da débeda do porto da Coruña

O Pleno da Deputación da Coruña aprobou hoxe, por unanimidade de todos os grupos políticos representados na corporación provincial (PP, PSdeG-PSOE, BNG, Marea Atlántica, Compostela Aberta e Alternativa dos Veciños), unha declaración institucional instando ao Goberno do España a condonar o préstamo concedido por Portos dol Estado á Autoridade Portuaria da Coruña para a construción do porto exterior de Punta Langosteira ou, no seu caso, conceder as axudas económicas equivalentes conducentes á amortización efectiva deste préstamo.

Así se recolle no texto da declaración aprobada hoxe, que vai na liña do acordo unánime alcanzado no Parlamento Galego o pasado 12 de setembro, e na que tamén se lle solicita ao Ministerio de Fomento a convocatoria da Comisión de Seguimento do convenio co fin de negociar un protocolo de colaboración que teña por obxecto a revisión dos convenios de 2004 e do PXOM de 2013 sobre o fundamento da definición dun novo horizonte litoral e portuario para a cidade da Coruña baseado nos principios básicos de titularidade e xestión pública dos terreos, equipamentos dotacionais e espazos libres públicos e usos produtivos portuarios complementarios.

Asemade, a Deputación insta a Fomento, Portos do Estado, Autoridade Portuaria, ADIF, Concello da Coruña e Xunta de Galicia a constituír un ente público como forma de participación e xestión deste novo horizonte litoral.

Garantir a conexión ferroviaria con Punta Langosteira

Finalmente, o Pleno da Deputación insta a Fomento e Portos do Estado a impulsar e financiar a execución da conexión ferroviaria do Porto Exterior de Punta Langosteira sen achega económica da Autoridade Portuaria da Coruña e, para tal efecto, demandar a inclusión dun orzamento axeitado tanto no Plan de investimentos de portos do Estado e ADIF como na Lei de orzamentos do Estado para 2019, de xeito que poida ser licitada no primeiro semestre dese exercicio.