Estás en:Novas

A Deputación iniciará en 2019 o programa de instalación de desfibriladores

Tres anos despois de aprobarse a moción de Compostela Aberta, a Deputación porá en marcha o programa para dotar os centros deportivos da provincia con equipos de desfibrilación semi-automática

A Deputación iniciará en 2019 o programa de instalación de desfibriladores

O Goberno da Deputación iniciará en 2019 o programa de instalación de equipos de desfibrilación semiautomática en instalacións deportivas da provincia. Así o confirmou o voceiro do ente provincial, en resposta a unha pregunta do deputado de Compostela Aberta, Manuel Dios. A Deputación xa redactou os pregos administrativos para proceder á compra dos desfibriladores, e no orzamento para o ano 2019 dotarase unha partida económica para a súa adquisición.

Deste xeito, esta actuación proposta por Compostela Aberta comezará con case tres anos de retraso. A moción, defendida por Manuel Dios en abril de 2016, foi aprobada por unanimidade de todos os grupos. Nela, o noso representante provincial explicaba que o incremento da actividade deportiva facía máis que recomendable facilitar liñas de axuda cos que dotar deste tipo de equipamentos tanto ás instalacións deportivas municipais, como aos clubs da provincia. O acordo esixía ao Goberno a posta en marcha das axudas ao longo de 2016.