Estás en:Novas

A Deputación colabora coa celebración da primeira edición da Mobile Week Coruña

O evento organizará na cidade herculina relatorios, mesas redondas, obradoiros e actividades para tratar de achegar á cidadanía o debate sobre os retos e oportunidades da transformación dixital


O deputado Bernardo Fernández espera que a Mobile Week Coruña "sirva tamén como escaparate para dar a coñecer ao mundo o moito que no ámbito da tecnoloxía e a transformación dixital estamos facendo nesta provincia

A Deputación colabora coa celebración da primeira edición da Mobile Week Coruña

A sede da Fundación Luis Seoane da Coruña acolleu hoxe a presentación da I edición da Mobile Week Coruña nun acto que contou coa asistencia do deputado provincial Bernardo Fernández, o alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, a directora xeral da Axencia de Modernización Tecnolóxica de Galicia, Mar Pereira , o CEO de Mobile World, Carlos Grau, e o presidente do Club Financiero Atlántico, Mariano Gómez Ulla.

Tras o éxito das dúas edicións celebradas en Barcelona, o evento da agora o salto a A Coruña, onde se presentou unha ampla programación conformada por relatorios, mesas redondas, obradoiros, actividades e xornadas infantís coa que se trata de achegar á cidadanía o debate sobre os retos e oportunidades da transformación dixital.

"Cando nos propuxeron o proxecto, na Deputación non dubidamos en sumarnos porque entendemos que  é un encontro no que se van abordar temas de grande interese, nos que a nosa provincia ten moito que dicir", afirmou Bernardo Fernández, que celebrou que A Coruña "se converta na capital dun debate apaixnoante sobre a transformación dixital".
"Entendemos que esta cidade, coa súa rede de museos científicos e espazos de innovación, é o escenario ideal para acoller unha cita destas características na que se fusionan cultura, arte, innovación, tecnoloxía e creatividade", afirmou o representante da Deputación da Coruña, que expresou o seu desexo de que o evento "sirva tamén como escaparate para dar a coñecer ao mundo o moito que no ámbito da tecnoloxía e a transformación dixital estamos facendo nesta provincia".

Entre o 21 e 28 de novembro, Mobile Week Coruña expón unha programación transversal e gratuíta en máis de 20 espazos ao longo dos 10 distritos da cidade da Coruña, a súa área metropolitana e a Cidade da Cultura, de Santiago de Compostela. Relatorios, charlas mesas redondas, demostracións, exposicións de arte, talleres e xornadas infantís, entre outras, darán lugar a abordar os retos, os límites e as oportunidades de transformación dixital.

A iniciativa divide o seu programa en catro eixos de actividade: mWeek TALKS, unha ágora de debate para reflexionar sobre como a revolución dixital inflúe na vida das persoas, mWeek LAB, demostracións e talleres de cultura, tecnoloxía, robótica e ciencia, mWeek KIDS, actividades para toda a familia e, por último, mWeek GALLERY, un programa cultural paralelo organizado en colaboración con institucións e entidades do territorio que derivará en visitas guiadas e exposicións artísticas.

O impacto de Mobile Week Coruña chega a toda a cidade

Mobile Week Coruña é unha iniciativa de MWCapital que, tras dúas edicións en Barcelona, dá o salto á Coruña para potenciar o debate sobre as implicacións a nivel social, económico e cultural da transformación dixital no Eixo Atlántico. Esta primeira edición conta coa colaboración do Concello da Coruña e distintos equipamentos públicos e privados, espazos de innovación e museos científicos, a Deputación da Coruña, a Xunta de Galicia a través da Axencia de Modernización Tecnolóxica e o Club Financeiro Atlántico.
Para fomentar a reflexión ao redor da transformación dixital e potenciar o papel do Eixo Atlántico como axente crave da dixitalización do territorio, Mobile Week Coruña contará con relatores expertos en innovación, como Silvia Leal, profesionais do ámbito dixital, Adolfo Fernández (Google), e representantes do ámbito universitario como Carmen Fernández Morante, decana da Facultade de Educación da Universidade de Santiago.