Estás en:Novas

A Deputación da Coruña anima os concellos a homenaxear as corporacións municipais represaliadas en 1936


O proxecto Xeración Perdida difúndese en libro e formato dixital

A Deputación da Coruña anima os concellos a homenaxear as corporacións municipais represaliadas en 1936

Cun acto que contou con presenza de representantes dos gobernos municipais dos concellos, das asociacións de recuperación da memoria e de familiares das vítimas da represión nos concellos, a Deputación da Coruña presentou o libro "Xeración Perdida", froito de case dous anos de investigación promovida pola institución, que recolle a memoria dos cargos públicos dos concellos que sufriron a represión despois do golpe militar de 1936.

Un total de 334 concelleiros e concelleiras e alcaldes foron represaliados nos concellos da Coruña tras o levantamento militar de 1936. A violencia exerceuse en distintas fórmulas e, desta maneira, 88 persoas que ocupaban cargos públicos nos concellos da provincia foron asasinadas. 74 padeceron cárcere. 34 marcharon ao exilio e abandonaron o país polo que loitaran. 12 fuxiron, 86 recibiron sancións e 36 procesamentos. Son os principais datos do proxecto de investigación "Xeración Perdida", dirixido polo profesor da Universidade de Santiago, Emilio Grandío, que hoxe se presentou na sede da Deputación da Coruña e que contou coa presenza do presidente e a vicepresidenta, Valentín González Formoso e Goretti Sanmartín Rei, ademais de representantes de concellos, membros de asociacións pola memoria histórica e familiares de persoas represaliadas.

No acto, o presidente da Deputación, Valentín González Formoso, apostou porque as xeracións futuras fosen quen "de analizar o pasado, de entender as razóns destas persoas que deron a súa vida por loitar pola liberdade e a democracia". O libro é, para González Formoso, " a resposta para que esas persoas e todo o que aconteceu non quede no esquecemento. O proxecto é bo exemplo do que aconteceu naquel tempo e responde ao obxectivo de recuperar a memoria histórica que mantemos na Deputación da Coruña", dixo.

A vicepresidenta e responsábel da área de Cultura da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín manifestou que hoxe á un "día histórico para a recuperación da memoria colectiva, das persoas que foron represaliadas por defenderen a través dos cargos públicos ideais de democracia e liberdade".

Dúas liñas para a memoria

Lembrou que, en boa medida, a Deputación da Coruña sofreu o efecto da represión, co asasinato do seu presidente e vicepresidente, José López Bouza e Ánxel Casal, mais tamén en máis da metade do funcionariado que foi deputado e vítima dese "Atila que transformou o país e fixo que a Deputación se puxese ao servizo do réxime franquista, en axente que formou parte do espolio que, entre outras cousas, entregou o Pazo de Meirás á familia do ditador". En relación coa propia historia da Deputación, o goberno da Deputación traballa, segundo sinalou Goretti Sanmartín, "en dúas liñas de acción, recuperar os nomes daquelas persoas das corporacións que foron vítima da represión, que agora presentamos, mais tamén recuperar o Pazo de Meirás, para o que estamos a desenvolver varias iniciativas e que, non temos dúbida, finalmente tamén conseguiremos".

"Recóllese neste libro e na base de datos da páxina web un total de 334 nomes de persoas represaliadas mais o efecto foi moito maior xa que afectou a todo o entorno que sufriron os efectos, entre eles, o do silenciamento e ocultamento. Houbo un intento de que non coñecésemos o nomes destas persoas que non quedara rastro delas, acabar co inimigo para que non ficase memoria", sinalou Goretti Sanmartin para quen, Xeración Perdida supón a resposta a esta situación desde a defensa da memoria. Engadiu que a investigación quere ser "unha ferramenta para os concellos, aos que convidamos a homenaxear ás corporacións democráticas silenciadas".

O director do equipo de investigación de Xeración Perdida, Emilio Grandío, anotou que a investigación achega "nomes de moitos cargos das corporacións que, 82 anos despois, se descoñecía que foran elixidos". Segundo explicou "a mancha de pertencer a unha corporación democrática quedou para sempre, non só para eses 334 represaliados senón tamén á totalidade de concelleiros e concelleiras das corporacións que tamén están recollidos neste volume".

Defendeu que Xeración Perdida ten como obxectivo a "difusión e socialización" dos resultados da investigación e destacou que todos os membros do equipo están a dispor dos concellos para participar en actividades que teñan como obxectivo a recuperación da memoria histórica das corporacións porque, segundo dixo, "este traballo pertence ás familias que padeceron o terror e, polo tanto, ten que ter un retorno social".

Rematou o acto a intervención de Jorge Linheira, bisneto dun dos represaliados no concello de Boimorto que destacou que seu propio pai até o ano 2005 non tiña coñecemento do que acontecera co seu avó e destacou a necesidade de recuperar a memoria das vítimas da represión. Fixo tamén, coas súas palabras, unha homenaxe ao compromiso político de seu bisavó, Isidro Filloi, militante político e sindicalista, e de como a súa memoria ficou nas xeracións herdeiras, como a súa filla Josefa recentemente finada.

Ademais do libro, a investigación de Xeración Perdida recóllese nunha páxina web que inclúe a base de datos das persoas represaliadas, a base dos cargos públicos municipais, case dous mil cincocentas, documentos complementarios e unha galería fotográfica de máis de cento corenta persoas, das que, até o momento, non se manexaban imaxes públicas.

O equipo do proxecto, dirixido por Emilio Grandío, está composto por Alfonso Iglesias, Rosalía Regueiro, Manuel Pérez e Eliseo Fernández, do grupo HIspona-USC e contou coa colaboración de numerosos historiadores e historiadoras.

Máis información na web: https://www.dacoruna.gal/cultura/xeracion-perdida/

Páxinas suxeridas