Estás en:Novas

5.000 persoas visitaron en Shanghai a exposición sobre a etapa coruñesa de Picasso

Valentín González Formoso, que participou a principios de mes no acto de inauguración da mostra "Picasso: la formación de un genio" na cidade china, destaca o éxito da exposición e espera que "contribúa a proxectar a nivel mundial a importancia que A Coruña tivo na vida e na obra de Pablo Ruíz Picasso"

A Deputación editará 300 catálogos nos que se recollen algunhas das obras realizadas polo artista na cidade herculina entre 1891 e 1895

5.000 persoas visitaron en Shanghai a exposición sobre a etapa coruñesa de Picasso

En só quince días, máis de 5.000 persoas visitaron no Yueli Art Museum de Jiashan (Shangai) a exposición "Picasso: A formación dun xenio", na que se compilan en cinco salas 132 obras realizadas polo artista ou por algúns dos seus mestres como Isidoro Brocos ou o seu pai, José Ruíz Blasco, que gardan relación coa etapa na que viviu na cidade da Coruña, entre 1891 e 1895. Nese tránsito da nenez á primeira xuventude, é cando o neno Pablo Ruíz Picasso se traslada coa súa familia á cidade herculina dende a súa Málaga natal e onde comenza a forxarse o talento dun dos artistas españois máis universais e unha das figuras máis influíntes na evolución da arte do século XX.

A mostra, promovida pola Casa Museo Picasso da Coruña en colaboración co Concello da Coruña, a Escola Pablo Picasso, o Museo Picasso de Buitrago, Colección Eugenio Arias de Madrid e as fundacións Abelló e Palau e Centre d´Horta, foi inaugurada o pasado 7 de setembro durante un acto que contou coa asistencia do presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, invitado ao evento polas autoridades locais e rexionais chinas como representante institucional da provincia da Coruña, e o do director dos museos históricos da Comunidade de Madrid, Eusebio Bonilla Sánchez.

González Formoso destacou as "grandes expectativas" depositadas nesta exposición e expresou o seu desexo de que "contribúa a proxectar a nivel internacional a importancia que A Coruña tivo na vida e na obra de Pablo Ruíz Picasso".

"Unha importancia compartida con outras urbes como a súa Málaga natal, Barcelona, Madrid ou París, onde residiu a maior parte da súa vida adulta, pero que pretendemos que sexa coñecida e apreciada na súa xusta medida como o lugar onde o neno Picasso foi por primeira vez recoñecido como artista, a cidade onde realizou a súa primeira exposición", afirmou o presidente da Deputación, que anunciou que a institución provincial editará 300 catálogos en chino e español para axudar a difundir esta etapa xuvenil, aínda moi descoñecida, da vida do artista, pero sen a cal é difícil entender ao verdadeiro Picasso.

Esta importancia é recoñecida incluso por John Richardson, un dos principais investigadores e biógrafos do xenial artista, que no seu libro "Picasso: Unha biografía" (Alianza Editorial, 1995) apunta que "Picasso juzgaba que sus retratos coruñeses eran mejores que las obras estudiantiles realizadas en Barcelona. Incluso a veces tenían más valor para él que sus obras de la época azul y rosa".

A exposición permanecerá no Yueli Art Museum de Jiashan até o vindeiro 30 novembro. Ademais dos cadros e gravados de Picasso, este importante centro cultural reproduce nas súas pantallas vídeos de promoción turística da cidade e a provincia da Coruña cedidos pola Deputación e o Concello co obxectivo de que a poboación china coñeza mellor o entorno no que espertou o talento artístico de Picasso.

Relacións culturais

Durante esta visita, o presidente da Deputación da Coruña mantivo tamén unha reunión con representantes do goberno rexional de Jiashan, encabezados pola vicegobernadora, Xu Chunhong cos que asinou un protocolo de colaboración de materia cultural.

Páxinas suxeridas