Estás en:Novas

Unha feira e un amplo programa cultural protagonizan o Festival Rosalía organizado pola Deputación da Coruña en colaboración co Concello de Santiago

Música, danza, grafite e feira son algúns dos ingredientes do evento que terá lugar o sábado 29 de setembro

Goretti Sanmartín dedicou a iniciativa a Vitoria Álvarez Ruíz de Ojeda, falecida este fin de semana

Unha feira e un amplo programa cultural protagonizan o Festival Rosalía organizado pola Deputación da Coruña en colaboración co Concello de Santiago

Unha Rosalía convertida en superheroína estivo presente na rolda de prensa en que a vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín Rei e a concelleira de Santiago, Marta Lois, deron conta do programa do Festival Rosalía que, na súa segunda edición, terá lugar o vindeiro 29 de setembro na Praza de Cervantes de Santiago. Música, danza, performance, grafite, rap, teatro e unha feira de produtos para a festa da Rosalía do século XXI.

"Temos unha supercultura que conta cunha superheroína como gran figura. Quixemos traer por iso unha Rosalía con superpoderes que está no século XXI como unha muller poderosa e moderna que é", sinalou a vicepresidenta e responsábel da área de Cultura da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín Rei, no inicio da presentación do Festival Rosalía que terá lugar o vindeiro sábado día 29 na Praza do Pan -coñecida como Praza de Cervantes- de Compostela, cun programa que se desenvolverá a partir das 11 da mañá até as 22 horas da noite.
Na súa intervención, Goretti Sanmartín quixo lembrar e homenaxear á estudosa de Rosalía falecida esta fin de semana, Vitoria Álvarez Ruíz de Ojeda, "a quen vai dedicada esta iniciativa, polo traballo tan importante que desenvolveu nos estudos rosalianos".

A concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo de Santiago, Marta Lois, destacou a "colaboración institucional" á hora de organizar un festival que, segundo apuntou, "responde á idea de Compostela como Territorio de Mulleres e tamén de importancia para o comercio e o Casco Histórico".

Despois dos bos resultados da primeira edición, o Festival Rosalía, organizado pola Deputación da Coruña coa colaboración do Concello de Santiago, chega a súa edición cun amplo programa que se iniciará ás 11:00 da mañá coa apertura da Feira Rosalía na que participan arredor de quince postos que comercializan produtos creados arredor da escritora.

Comezará tamén a esa hora un programa que botará a andar cun pasarrúas a cargo dos Quinquilláns, a creación dun grafite en directo pola Vella Escola, a danza-performance de Ánxela Blanco e Mónica de Nut e o concerto de Rosalía Pequeniña de Uxía que porá fin á sesión de mañá.

Xa pola tarde, ademais dun segundo pase de espectáculos como a danza-performance, o pasarrúas ou a presenza de Super-Rosalía, o programa incluirá un obradoiro de rap a cargo da Vella Escola, e dous concertos que serán os protagonistas do festival máis nocturno coa intervención de Son Trío ás 20:00 horas e Val de Mouras ás 20.45.

O festival desenvólvese por segundo ano consecutivo na cidade de nacemento da escritora como unha iniciativa que quere mostrar a Rosalía máis actual e rompedora, a muller do noso tempo que está na orixe de novas creacións artísticas e comerciais como camisetas, chapas cadernos, cuncas...e moitos produtos sorprendentes que se exporán nos quince postos da feira que se manterá aberta durante toda a xornada.

Páxinas suxeridas