Estás en:Novas

A Deputación da Coruña aproba este venres o convenio para a adquisición do "testamento pictórico" de Carlos Maside

Unha colección de 21 obras do artista permanecerá unida en Santiago de Compostela

A Deputación da Coruña aproba este venres o convenio para a adquisición do

O convenio para a adquisición da obra de Carlos Maside chega este venres ao pleno da Deputación da Coruña, que aprobará a achega de 215.000 € para a compra da colección de Carlos Maside, un importante legado que supón unha "autoantoloxía" e o "testamento pictórico" dun dos máis relevantes artistas do século XX e que permanecerá na cidade en que o artista tivo o seu estudo.

A Deputación da Coruña dará luz verde este venres á compra da colección de obra de Carlos Maside que é propiedade familiar do artista e que supón un importante conxunto pictórico que actúa como "autoantoloxía" da súa traxectoria artística.

Por medio deste convenio, a Deputación da Coruña consigue manter a unidade da colección que queda blindada fronte á dispersión en mans privadas. O texto do acordo recolle a achega de 215.363,50 €, a metade do orzamento en que foi valorada a obra, que ascende a 430.727 €, despois de realizarse os correspondentes estudos e valoracións profesionais.

En total son 21 obras que serán cofinanciadas polo Consorcio de Santiago de Compostela, entidade coa que se asinará o convenio para a adquisición da coleccións que está en mans das persoas herdeiras de Carlos Maside.

"Con este convenio garantimos que se conserve en Compostela e se expoña permanentemente ao público este importante conxunto de obras de Carlos Maside, que constitúe unha mostra da traxectoria dun dos máis relevantes artistas do século XX, renovador da pintura galega e unha figura de incuestionábel influencia na intelectualidade do seu tempo e nas xeracións de artistas que tiveron nel unha referencia indispensábel", defendeu a vicepresidenta e responsábel da área de Cultura da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín Rei, dunha colección que, segundo destacou, "permanecerá a poucos metros da Rúa do Vilar en que tiña o seu estudo, unha rúa en que tamén se estableceu a imprenta Nós e outros puntos de interese cultural da historia da cidade e que ten que, na medida do posíbel, recuperar ese esplendor".

A través da colección pódese facer un percorrido pola obra artística de Maside, xa que se trata dun conxunto pictórico representativo que o autor mantivo unido co fin de mostrar ao público de maneira conxunta, sen se dispersar en coleccións particulares.

A iniciativa pon fin así á demanda prolongada no tempo da Plataforma Cidadá Carlos Maside que defendía a necesidade de conservar unido o legado do artista, dispolo para a exposición na cidade en que el creou e que pasara a formar parte do patrimonio público.

"A singularidade e excepcionalidade da obra supón que estamos ante un conxunto único que achega a Santiago de Compostela un novo foco de interese cultural cunha colección única dun artista que forma xa parte da historia da cidade", anotou Goretti Sanmartín.

Os óleos sobre lenzo Muller sentada (1930), Paisaxe de Compostela (1931), Tenda (1933), Rapaz e Xantar (1936), Autorretrato (1937) Mercado (1950), Cacharreira (1942), Retrato de neno (1942), Retrato de nena (1943) Lavandeiras (1953) ou Costureira (1945) son algunhas das obras nunha colección que inclúe tamén obra sobre papel, como o seu autorretrato de 1937, elaborado en pastel, ou pezas en gouache, como Dúas paisanas (1946-48) ou lapis e acuarelas, como A nena do libro (1944) ou Dúas nenas (1944).

Páxinas suxeridas