Estás en:Novas

O Festival Rosalía ofrece este sábado unha feira de produtos e doce horas de programación cultural arredor da figura central da nosa literatura

Organizado pola Deputación da Coruña, coa colaboración do Concello de Santiago, o evento terá lugar na Praza de Cervantes este sábado día 29 de setembro desde as 11 horas na Praza de Cervantes

O Festival Rosalía ofrece este sábado unha feira de produtos e doce horas de programación cultural arredor da figura central da nosa literatura

Este sábado, día 29 de setembro, terá lugar a segunda edición do Festival Rosalía, organizado pola Deputación da Coruña coa colaboración do Concello de Santiago. Esta nova edición acollerá 13 produtores e produtoras que exporán as súas creacións con "marca Rosalía". A feira terá lugar na Praza de Cervantes de Santiago de Compostela entre as 11 da mañá e as 21:30h horas da noite nunha xornada que contará con doce horas de actuacións culturais, desde concertos a pasarrúas pasando por espectáculos de danza e obradoiros. Ás 11:00 terá lugar o acto de presentación en que participarán a vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín Rei e o alcalde de Santiago de Compostela, Martiño Noriega.

A xornada estará ademais amenizada con diversos espectáculos e obradoiros que comezarán despois da apertura oficial. Ás 11:30h os Quinquilláns teatralizarán un pasarrúas rosaliano, que se repetirá ás 18:30h, ao mesmo tempo que se creará un graffiti rosaliano, a cargo de Vella Escola. Ás 12:30h poderemos desfrutar da danza-performance 'As fillas do mar' con Ánxela Blanco e Mónica de Nut, que se repetirá ás 17h. Ás 13h terá lugar o primeiro concerto do día, 'Rosalía Pequeniña', da man de Uxía. Ás 17:30 comezará o obradoiro de rap con versos de Rosalía, a cargo de Vella Escola. Ás 20h será o momento do concerto de Son Trío, que reinterpretarán textos de Follas Novas con toque de jazz, 'Follas Novas con toque jazz', despois do cal teremos a última actividade do día, o concerto da banda folk Val das Mouras. Ao longo do festival contarase tamén coa varias visitas teatralizadas de SuperRosalía

Na feira poderanse ver e mercar camisolas, pandeiretas, chaveiros, cadros, cerámicas, libros, cuncas, cervexa... E todo tipo de produtos en lembranza da poeta e escritora galega. Entre os produtores que exporán as súas obras están: Animosa. Alma y coraje, As galegas - cervexa ecolóxica, Imprime 3D, Libraría Pedreira, Libraría de Mulleres Lila de Lilith, Libraría Couceiro, Nikis Galicia Style, Obradoiro A Candelaria, OZOCOgz, Rosalianas, Son Humanita, Studio Variopinto e De Cotío.

O festival rematará ás 21:30 horas pondo fin a unha segunda edición que pretende continuar a homenaxe iniciada o ano pasado a unha Rosalía moderna e reivindicativa.

Páxinas suxeridas