Estás en:Novas

PSOE, BNG e PP rexeitan unha emenda de Compostela Aberta por un trato ético animal na xestión do xabaril

Compostela Aberta e Marea Atlántica presentaron unha emenda conxunta á moción do PSOE sobre a xestión do xabaril, condicionando o seu voto ao trato ético aos animais e rexeitando a caza como medio de control.

A Deputación da Coruña aprobou hoxe, cos votos de PSOE, BNG, e Alternativa dos Veciños, unha moción instando á Xunta a realizar un plan de control do xabaril, para estabilizar a súa poboación e limitar os seus danos no sector agrogandeiro e na circulación viaria.

Compostela Aberta e Marea Atlántica condicionaron o seu voto á aceptación dunha emenda a través da cal se garantira un trato ético aos animais, e rexeitando a caza como medio de control.A emenda non foi aceptada polo PSOE e, en consecuencia, tanto CA como MA optaron pola abstención. Como é habitual ante calquera moción que se dirixa á Xunta como administración competente, o PP votou en contra.

A moción do PSOE foi presentada tras a apertura da temporada de caza a finais do mes de agosto. Para Compostela Aberta, non ten sentido instar á Xunta a aprobar un plan de xestión dunha especie salvaxe, salvo que especificamente se desbote a caza como medio de control. A caza, segundo afirman investigacións científicas, colectivos de defensa animal, e mesmo asociacións de cazadores de Navarra, non é útil para controlar as poboacións de xabarís e evitar os seus danos, xa que non se impide a súa reprodución e disgrega ás mandas, o que favorece os ataques a cultivos e os accidentes de tráfico.

Outras medidas que garanten un trato ético aos animais, como a prohibición da caza de amimais de máis idade (que agrupan ás poboacións e evitan zonas habitadas), a plantación de especies forestais que serven de alimento (carballos e castiñeiros), a creación de puntos de alimentación artificial, ou os tratamentos inmunocontraceptivos que se teñen probado en EE.UU., Reino Unido e Cataluña, si se teñen demostrado efectivas