Estás en:Novas

Compostela Aberta logra o apoio da Deputación ás demandas da comunidade educativa do IES Brión

O grupo provincial de Compostela Aberta presentou hoxe unha moción de urxencia en apoio ás demandas do IES de Brión, á cal se sumaron todos os grupos salvo o PP

O Grupo Provincial de Compostela Aberta, a través do seu portavoz Manuel Dios, presentou no Pleno provincial de hoxe unha moción de urxencia en apoio ás reivindicacións da comunidade educativa do IES de Brión.

Manuel Dios explicou que, como consecuencia dos recortes en materia de política social do PP na Xunta de Galicia, o curso escolar comezou no IES de Brión con tres docentes menos dos necesarios, un grupo de aopio á aprendizaxe en perigo, e a desaparición de numerosas materias que se viñan prestando e polas que alumnado do IES tiña obtido diversos premios.

Como consecuencia destes recortes, a directiva presentou a súa dimisión, o alumnado non acudiu ás aulas ata hai días, a comunidade educativa levou a cabo un encerro de dúas semanas, e hoxe mesmo tivo lugar unha protesta fronte á Consellería de Educación, en San Caetano.

A proposta de Compostela Aberta, a Deputación acordou manifestar o seu apoio ás demandas da comunidade educativa do IES de Brión, así como as dos restantes centros da provincia afectados polos recortes da Xunta de Galicia en materia educativa. Os demais grupos provinciais, salvo o PP, solicitaron sumarse a esta iniciativa e propiciaron un acordo case unánime, co voto en contra dos populares de Agustín Hernández, quen argumentou que a situación xa está resolta.

Manuel Dios, na súa réplica, lembrou que o PP afirma que Galicia vai ben, e que temos un sistema educativo de calidade, pero ao mesmo tempo recorta en servizos públicos esenciais, esixe aos centros que fagan máis con menos recursos, pon en perigo a educación e os servizos complementarios, aumenta o número de alumnos por aula e reduce a oferta de materias, recortando a asignación a colexios públicos mentres aumenta a de centros concertados e privados que segregan por xénero.