Estás en:Novas

A Deputación da Coruña aposta por sectores atractivos para a mocidade para animar a usar o galego

A campaña #ogalegoamiñalinguapropia prolóngase até fin de ano en centros de ensino de 43 concellos con máis de noventa actividades

O programa chega este martes a Santiago de Compostela con MJ Pérez

A Deputación da Coruña aposta por sectores atractivos para a mocidade para animar a usar o galego

Desde o primeiro día de curso, o programa #ogalegoamiñalinguapropia da Deputación da Coruña volveu as aulas para animar á mocidade a usar o galego con representantes dos ámbitos máis atractivos para esas idades como música, deporte, novas tecnoloxías ou grafite. A iniciativa chegará a centros de ensino de 43 concellos con máis de noventa actividades en que participarán máis de tres mil mozas e mozos directamente.

A vicepresidenta e responsábel da área das áreas de Lingua e Cultura da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, reuniuse esta mañá con algunhas das persoas participantes no programa #ogalegoamiñalinguapropia para facer balance e anunciar a segunda etapa do programa que se desenvolverá en 43 concellos até fin de ano.

O músico Xurxo Souto, a poeta Antía Otero, a actriz Paula Carballeira, a artista Laura Romero, o actor Lois Blanco, a música MJ Pérez, a poeta e contadora Lucía Aldao ademais de Sino Seco de Fabaloba e Emi Candal de Urdime participaron na rolda de prensa en que se avanzou a nova fase da campaña de animación ao uso do galego na mocidade da Deputación da Coruña.

"Quixemos que contasen as súas experiencias persoas que levan tempo facendo música, teatro ou deporte en galego, ámbitos que son atractivos para a mocidade", explicou Goretti Sanmartín Rei dunha iniciativa que quere "reforzar a autoestima lingüística, e demostrar que en todos os ámbitos pódese desenvolver a actividade profesional en galego". Destacou tamén a boa acollida que #ogalegoamiñalinguapropia está a ter entre o profesorado e, en xeral, toda a comunidade educativa e o que significa tamén á hora de dar a coñecer ás persoas que levan a cabo as súas traxectorias na nosa lingua que, infelizmente, non son coñecidas como deberan.

"Moitas veces o profesorado e o alumnado descoñece o que se está facendo nestes ámbitos que son tan atractivos para a xente nova e, por iso, tamén é importante este programa", dixo a vicepresidenta da Deputación para quen "os centros de ensino é deses lugares onde o galego está, moitas veces, desaparecido" mais é necesario "insuflar unha pinga de optimismo, de humor, de sensibilidade e capacidade de creación para animar a usar o galego".

O programa chega este martes a Santiago co obradoiro de MJ Pérez que, na rolda de prensa, explicou a súa experiencia nunha actividade audiovisual e musical en que quere contaxiar a idea de que "o galego é noso, a nosa lingua e forma parte de nós, da nosa cultura". Tamén quixo facer fincapé no talento que hai en galego mais, a pesar diso, "non chega á mocidade co cal este programa está a ser importante tamén por iso".

A poeta Lucía Aldao defendeu da mesma maneira que "a rapazada, a adolescencia, nunca é un problema, é a solución e ten que buscar os seus referentes na nosa lingua nunha experiencia que está a resultar marabillosa". Tamén Xurxo Souto apuntou que "a xente que máis valora o galego é a xente nova mais pedímoslle que sexan heroes", dixo, engadindo que "hai unha parte da realidade que se lle está a negar e con esta inxección de realidade a cousa irá, sen dúbida, para adiante".

A coordinadora do programa, Emi Candal, mostrou a súa "satisfacción por entrar en contacto con xente tan interesante e poñelas en comunicación coa xente moza, abrir esas portas e romper barreiras".

Pór en valor que temos un idioma propio, persuadir a mocidade para que incorpore o galego á súa vida cotiá, reafirmar o uso da lingua naqueles mozos e mozas que usan a lingua galega só nalgúns contextos, crear demanda de falantes de galego, promover a sensibilización idiomática e fomentar unha actitude positiva dos e das adolescentes fronte á lingua son algúns dos obxectivos de #ogalegoamiñalinguapropia.

O programa botou a andar a primavera pasada e levou as actividades a 20 concellos : Outes, Santa Comba, A Baña, Betanzos, Narón, Fisterra, Carral, Cerceda, Miño, A Coruña, Oroso, Frades, Melide, Rianxo, Rois, Abegondo, Arteixo, Ames, Arzúa, Cee con un total de 40 actividades realizadas.

Na primeira etapa da iniciativa participaron de forma directa 1.417 alumnas e alumnos e o cálculo de participación indirecta supera neste momento as 7.000 persoas: co impacto en redes, medios de comunicación e mozas e mozos dos centros de ensino que sen ter participado directamente das actividades si o fixeron coa chegada da comunicación directa aos seus centros de ensino.

O programa, nun balance inicial, esperta un grande interese tanto por parte do profesorado, como o alumando e o persoal técnico dos servizos de normalización dos concellos aos que xa chegou 'O galego, a miña lingua propia'. Por outra parte, a campaña de comunicación en valados, mupis, prensa, e redes sociais xera interacción arredor da imaxe gráfica, foto e vídeos que animan ao uso do galego a través tamén de vídeos protagonizados polas persoas participantes no programa.

No mes de decembro a campaña rematará despois de desenvolver 91
actividades en centros de ensino de 43 concellos da provincia: A Baña, A Coruña, A Pobra do Caramiñal,Abegondo, Ames, Arteixo,Arzúa, Betanzos,
Boiro, Cambre, Carballo, Carnota, Carral, Cedeira, Cee, Culleredo, Dumbría, Ferrol, Fisterra, Melide, Miño, Muros, Narón, Oleiros, Oroso, Outes, Ponteceso, Pontedeume, Porto do Son, Rianxo, Ribeira, Rois, Sada, Santa Comba, Santiago de Compostela, Teo, Vimianzo, Cerceda, Ordes, Frades, Trazo, Tordoia e Mesía.

Participan nas actividades persoas que desenvolven a súa traxectoria no ámbito da música, audiovisual, novas tecnoloxías, teatro, deporte, grafite ou poesía como Paula Carballeira, Antía Otero, María Yáñez, Leandro Lamas, Gaitafilmes, MJ Pérez, García MC, Monoulius DOP, Davide Salvado, Aldaolado, Xurxo Souto, Fran Cañotas, Irene Lourido, Laura Romero, Lois Blanco Arauxo, A raína vermella, Joane Camborda, Mutante Creativo, Cestola na Cachola ou Rosalía Fernández Rial.

Enlace páxina web con toda a información actualizada do programa:
https://www.dacoruna.gal/normalizacion-linguistica/o-galego-mina-linguapropia?utmSource=&utm_campaign=&utm_medium=

 

 

 

Páxinas suxeridas