Estás en:Novas

A Xunta pro Pazo reunirase este venres para acelerar o proceso de recuperación da propiedade

A punto de rematar o prazo para que a Xunta responda sobre o uso do dereito de tanteo

A Xunta pro Pazo reunirase este venres para acelerar o proceso de recuperación da propiedade

A punto de que rematen os tres meses que a lei outorga para que a Xunta poda exercer o dereito de tanteo sobre o Pazo de Meirás, a Xunta pro Devolución do Pazo reunirase este venres na Deputación da Coruña con idea de acelerar todas as posibilidades para impedir que a familia Franco burle a lei e blinde a propiedade do inmóbel.

A Xunta pro Devolución do Pazo de Meirás reunirase de novo este venres con carácter de urxencia para analizar a nova situación creada despois de que un dos descendentes de Francisco Franco rexistrase na Xunta de Galicia a comunicación que mostra a súa intención de venda do inmoble, condición que a lei marca para dar oportunidade ao goberno galego a exercer o dereito de tanteo ao se tratar dun Ben de Interese Público.

O neto de Franco tería presentado a comunicación o pasado 7 de xullo, co cal o prazo de tres meses está a piques de rematar, data en que a familia quedaría de mans libres para unha posible venda da propiedade, do que xa demostraron vontade cando o Pazo formaba parte do catálogo dunha inmobiliaria de Santander.

"Hai indicios abondo para pensar que os netos de Franco queren reeditar o contrato de compra-venda ficticio feito polo ditador para conseguir un documento de propiedade privado do Pazo de Meirás mais, neste caso, á inversa, intentando facer unha venda ficticia que o poña en mans dunha empresa do seu dominio", lembra a vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, que urxe desta maneira "a activar todas as institucións implicadas para impedir unha nova fraude e que a familia Franco blinde a propiedade que obtiveron por medio dun grande espolio".

Á nova reunión da Xunta pro Devolución do Pazo de Meirás están convocadas todas as institucións e entidades convocantes -ademais da Deputación da Coruña, os concellos da Coruña e Sada, Real Academia Galega, Universidades de Santiago e A Coruña e entidades de recuperación da memoria histórica- ademais de Xabier Ferreira, profesor da USC e responsable do informe xurídico encargado pola Deputación da Coruña que abría o camiño a recuperar o Pazo para o patrimonio público por vía xudicial co fin de analizar a situación e tomar decisións con garantías.

Entre os puntos do día da xuntanza inclúese dar conta dun grande acto público que se desenvolverá neste último trimestre do ano ademais de analizar e tomar decisións sobre a nova situación que se abre despois das accións emprendidas polo neto de Franco.

"Do que temos certeza, segundo puidemos falar con boa parte dos membros da Xunta pro Devolución, é do interese en axilizar o proceso para impedir que a familia Franco continúe gozando do Pazo" explicou Goretti Sanmartín que demandou tamén "compromiso real de todas as administracións implicadas para iniciar coa máxima urxencia o proceso xudicial para recuperar o Pazo de Meirás como ben público".

Neste período, e de maneira especial desde que se coñeceu a noticia da intención de venda a unha empresa participada maiormente polos propios Franco, a Deputación da Coruña dirixiuse por medio da vicepresidenta Goretti Sanmartín Rei á "Dirección General de la Memoria Histórica", que dirixe Fernando Martínez, co fin de demandar que o Pazo de Meirás forme parte da axenda política de Pedro Sánchez e unha maior axilidade para abordar o proceso xudicial, como indica o informe xurídico.