Estás en:Novas

A Deputación prevé rematar este ano a primeira fase das obras da estrada Ares-Chanteiro

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, e o alcalde de Ares, Julio Iglesias, visitaron hoxe as obras, nas que a Deputación inviste preto de 800.000 euros, e reuníronse coa asociación de veciños

Os traballos, que supoñen a ampliación de 3,6 quilómetros de estrada e a construción dun andén para peóns, avanzan por fin a bó ritmo

O servizo de Vías e Obras da Deputación traballa na actualización do proxecto da segunda fase e consignará unha partida nos Orzamentos de 2019 para financiar as obras

A Deputación prevé rematar este ano a primeira fase das obras da estrada Ares-Chanteiro

A Deputación da Coruña prevé rematar a finais deste ano a primeira fase das obras de ampliación e mellora da estrada provincial DP 0402 Ares-Chanteiro.

Así o anunciou hoxe o presidente da institución provincial, Valentín González Formoso, durante a visita que realizou á localidade para supervisar a execución dos traballos, na que estivo acompañado polo alcalde de Ares, Julio Iglesias Redondo, por representantes da Asociación de Veciños de Chanteiro e polos técnicos do servizo provincial de Vías e Obras e da empresa adxudicataria.

"Os técnicos dinnos que traballan coa previsión de rematar os traballos antes de fin de ano", afirmou o presidente da Deputación, que destacou que se trata dun proxecto "complexo desde o punto de vista técnico e ambicioso dende o punto de vista económico", xa que supón un investimento de arredor de 800.000 euros para a ampliar e mellorar a seguridade dos primeiros 3,6 quilómetros desta estrada.

Tras os atrasos que xurdiron na fase inicial dos traballos, principalmente debidos á necesidade de retranquear os postes dos servizos afectados por parte das empresas de electricidade e telefonía, as obras avanzan agora a bo ritmo, polo que se estima que, se as condicións meteorolóxicas acompañan, poidan estar completadas e entrar en servizo a finais do mes de decembro.

"Sabemos que os veciños teñen que soportar certos inconvenientes que causa unha obra coma esta, pero cando remate estou seguro de que a xente quedarase coa parte boa, que é que teremos unha estrada moito máis ampla, moito máis segura e cun espazo para que os peóns poidan camiñar con seguridade", afirmou o presidente da Deputación.

Pola súa banda, o alcalde de Ares, Julio Iglesias, agradeceu a visita de González Formoso para interesarse pola evolución destas obras, "unha reivindicación histórica que xa está en marcha grazas a que este presidente asumiu o compromiso de sacala adiante".

"Sabemos que a Deputación ten máis de 2.000 quilómetros de estradas, por iso agradecemos que este goberno provincial decidira sacar adiante este proxecto", afirmou o rexedor aresán, que mostrou o seu desexo de que as obras "rematen canto antes".

As obras supoñen a ampliación da estrada entre os puntos quilométricos 0 e 3+620, dotándoa de carrís de 3,5 metros (actualmente son de 2,7 metros), a construción dunha plataforma peonil de 2 metros de ancho na marxe dereita da calzada, a execución da rede de recollida de pluviais na zona urbana e a canalización para a instalación da nova rede de alumeado público, que será executada polo Concello de Ares unha vez completados os traballos.

Na reunión previa que mantivo coa directiva da Asociación de Veciños de Chanteiro, González Formoso anunciou que o servizo de Vías e Obras traballa en dous pequenos proxectos complementarios a estas obras que axudarán a mellorar a mobilidade na zona: a construción dunha glorieta ao final do tramo para facilitar a conexión cos viais municipais e a mellora do tramo que conecta a estrada provincial Ares-Chanteiro coa estrada da Xunta Ares-Mugardos.

Actualizando o proxecto para a segunda fase

Nesta reunión, a entidade veciñal presidida por María Sánchez Coira interesouse tamén polos prazos que baralla a Deputación para acometer a segunda fase do proxecto, que abarcaría dende o punto quilométrico 3+620 ao 4+650, ampliando tamén a estrada ata os 7 metros de ancho e dotándoa de beirarrúas laterais para peóns.

Os enxeñeiros do departamento de Vías e Obras explicaron que o proxecto existente é moi antigo e que, despois de supervisar o terreo en varias ocasións, determinaron que precisará dunha actualización, novas medicións topográficas e de certas melloras técnicas nas que xa están a traballar.

Pola súa banda, o presidente da Deputación afirmou que o proxecto, cun custe estimado de 663.000 euros, contará cunha consignación nos Orzamentos de 2019.

Páxinas suxeridas