Estás en:Novas

González Formoso recibe na Deputación a representantes de entidades galegas en Buenos Aires

Parte da directiva do Centro Galicia da capital arxentina e da Fundación Galicia-América visitaron hoxe a sede da institución provincial

González Formoso recibe na Deputación a representantes de entidades galegas en Buenos Aires

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, recibiu esta tarde na sede da institución provincial a representantes das directivas do Centro Galicia de Bos Aires e da Fundación Galicia-América, que estes días visitan a provincia da Coruña.

O presidente provincial, que na súa visita a Arxentina do pasado mes de xuño visitou a sede do Centro Galicia, interesouse pola situación dos colectivos galegos no país e pola labor cultural e educativa que desenvolve o Centro Galicia e o Colexio Santiago Apóstol.

O Centro Galicia custodia a obra de Castelao "A derradeira leición do mestre", que vén de chegar a Galicia para a exposición "Castelao maxistral" que mañá se inaugura na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela. Ademais acolle nas súas instalacións o Colexio Santiago Apóstol, xestionado pola Fundación Galicia-América que promove a cultura e o idioma galego na capital arxentina, e cuxos alumnos visitaron a Deputación hai escasas datas.

A entidade naceu o 25 de xullo de 1979, froito da fusión dos centros provinciais da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra, co obxectivo de unir os esforzos da colectividade galega en Bos Aires.