Estás en:Novas

A Deputación comezará este mes as obras de mellora da seguridade viaria na estrada de acceso ao CPI de Atios, en Valdoviño

A Deputación comezará este mes as obras de mellora da seguridade viaria na estrada de acceso ao CPI de Atios, en Valdoviño

A Deputación da Coruña e a empresa Construcións Leonardo Miguélez veñen de asinar, na sede da institución provincial, o contrato para financiar as obras de mellora da seguridade viaria da intersección existente no punto quilométrico 0+675 da estrada provincial DP 2502, no termo municipal de Valdoviño.

Os traballos, suporán un investimento de máis de 132.000 euros, dos que 121.340 se destinan á execución da obra e 11.077 € xa foron investidos na expropiación dos 2.795 metros cadrados dos terreos lindeiros necesarios para acometer este proxecto.

As obras contemplan a construción dunha rotonda que mellorará a perigosa intersección existente neste punto e facilitará as manobras de cambio de sentido dos numerosos autobuses que realizan o transporte escolar do alumnado do CPI de Atios, situado na marxe esquerda do vial e no que cursan estudos uns 500 rapaces do municipio.

O goberno provincial da resposta así ao compromiso adquirido polo presidente da Deputación, Valentín González Formoso, co alcalde da localidade, Alberto González, durante a súa visita ao municipio, na que o rexedor demandou melloras da seguridade viaria neste punto, no que os buses de transporte escolar apenas contan con visibilidade e non dispoñen de espazo para manobrar ou aparcar.

As obras permitirán que o transporte do alumnado do CPI de Atios se realice en condicións de maior seguridade e mellorará a fluidez do tráfico na zona, xa que inclúen a construción dun carril de acceso ao aparcadoiro, que evitará que os autobuses obstrúan a estrada provincial nas horas de entrada e saída do colexio.

Páxinas suxeridas