Estás en:Novas

O Plan Único inviste este ano 11 millóns de euros en obras de pavimentación e saneamento comarcal de Santiago

González Formoso destaca a contribución do novo programa provincial "á mellora dos servizos básicos nos concellos rurais da provincia"

O 83% das 125 obras que financia o POS+2018 na área de Compostela corresponden a obras en camiños e estradas municipais e ampliacións da rede de saneamento e abastecemento de auga

Boimorto, Boqueixón, Dodro, Frades, Melide, Ordes, Rois, Santiso, Toques, Touro, Trazo e Val do Dubra decidiron dedicar a totalidade dos fondos provinciais para renovar e aumentar estas prestacións básicas

O Plan Único inviste este ano 11 millóns de euros en obras de pavimentación e saneamento comarcal de Santiago

O Plan Único (POS+2018) da Deputación da Coruña destina este ano un total de 10,93 millóns de euros para realizar 104 obras de mellora de camiños municipais e das redes de saneamento e abastecemento de auga nos concellos da comarca de Compostela.

Este tipo de investimentos foron os máis solicitados polos concellos desta zona, dentro do novo plan provincial. Dos 27,5 millóns de euros que destina o Plan Único á comarca en 2018, as obras de pavimentación, acondicionamento de camiños e saneamento supoñen unha porcentaxe de preto do 40%.

En canto a número de obras, a porcentaxe é aínda máis elevada, xa que das 125 obras que se executan na comarca con cargo ao POS+2018, 104 (o 83%) pertencen a estas categorías.

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, destacou que se trata dun "número importante de obras que, aínda que non sexan de gran magnitude, contribuirán a mellorar significativamente a vida diaria dos veciños".

A Deputación contribúe a mellorar servizos básicos no rural

Aumentar as redes de abastecemento de augas, dotar de saneamento a núcleos rurais que carecen del, crear beirarrúas en estradas transitadas por peóns ou pavimentar camiños en mal estado serán algunhas destas obras destinadas a "mellorar os servizos básicos nos concellos rurais da provincia", segundo explicou o presidente provincial.

Dende a súa creación en 2017, o Plan Único permite aos concellos unha flexibilidade total á hora de investir os fondos que lles asigna a Deputación. "En lugar de propoñer unhas axudas específicas, a Deputación permite aos concellos escoller as súas prioridades", explicou González Formoso, que sinalou que a institución "xoga un papel fundamental para axudar aos concellos a ofrecer máis e mellores servizos públicos fundamentais, financiando obras que moitas veces os municipios rurais non poderían acometer por si mesmos".

Neste sentido, o Plan Único permite paliar a carencia de axudas específicas para servizos que os concellos están obrigados a subministrar, coma as redes de sumidoiros ou o acceso aos núcleos de poboación, permitíndolles aos municipios destinar os fondos que estimen necesarios a estas actuacións.

12 concellos destinan o 100% do POS+ a servizos básicos

Na zona Compostela foron doce os concellos que decidiron destinar a totalidade dos investimentos do Plan Único á mellora das súas infraestruturas viarias e redes de abastecemento e saneamento, unha elección que amosa a necesidade de financiamento para estes servizos básicos. Este foi o caso de Boimorto, Boqueixón, Dodro, Frades, Melide, Ordes, Rois, Santiso, Toques, Touro, Trazo e Val do Dubra.

Páxinas suxeridas