Estás en:Novas

A Deputación da Coruña asiste por vez primeira a Gastronomika en San Sebastián

O cociñeiro Fernando Agrasar (propietario das Garzas de Malpica), o requeixo da Capela, a marmelada de Pemento de Padrón, a empanada de polbo mugardés e o pan de Carballo serán protagonistas do programa na máis importante feira gastronómica do Estado.

A Deputación da Coruña asiste por vez primeira a Gastronomika en San Sebastián

A Deputación da Coruña participa na vixésima edición de Gastronomika que se desenvolve desde o 8 ao 10 de outubro en San Sebastián. Grandes nomes da cociña e representantes dos principais destinos turísticos gastronómicos internacionais reúnense no palacio de congresos Kursaal para dar a coñecer as máis relevantes ofertas gastronómicas.

A Deputación da Coruña, a través da súa área de Turismo dirixida polo deputado Xosé Regueira, quere aproveitar a singular plataforma de promoción que é Gastronomika para poñer en releve a rica oferta de produtos de calidade e a condición de destino de turismo gastronómico do territorio da Coruña. En Gastronomika danse cita os máis prestixiosos nomes da restauración do momento, medios de comunicación, profesionais do sector da hostalería e restauración, coñecidas marcas de produtos gastronómicos, e un público en crecemento exponencial que alcanzou no pasado ano 1.567 congresistas, 14.000 visitantes de 37 nacionalidades diversas e 412 periodistas.

A Deputación da Coruña desenvolve un programa que estará representado polo relatorio do Cheff do restaurante As Garzas (Malpica), e as degustacións do requeixo da Capela, a marmelada de Pemento de Padrón, a empanada de polbo mugardés e o pan de Carballo.

A área de Turismo participará cun stand onde, tamén, se ofrecerá información turística xeral da provincia e os 6 xeodestinos, ademais de información específica dos produtos, feiras e tradicións gastronómicas enmarcadas en cada unha das súas localidades. Sen dúbida, as degustacións da Capela, Padrón, Mugardos e Carballo, será unha parada de obrigado cumprimento para este esixente público.

O cociñeiro Fernando Agrasar, baixo o título "Realismo Atlántico", defenderá na súa intervención a riqueza gastronómica da Coruña e promoverá o seu atractivo turístico, canalizando o prestixio certificado coa estrela Michelin do seu restaurante -As Garzas-, en Malpica de Bergantiños. O restaurador realizará un prato típico para 350 persoas acompañado de alimentos ou bebidas dos concellos da provincia.
Neste sentido, este evento é unha oportunidade estratéxica de posicionar os recursos gastronómicos dos distintos concellos da Coruña no panorama turístico internacional e, máis especificamente, entre os destinos gastronómicos da fachada atlántica.

A presenza da Deputación da Coruña enmárcase nunha ampla programación na que se inclúe o relatorio de Fernando Agrasar no congreso dos máis prestixiosos nomes da gastronomía e e unha feira onde os visitantes se atoparán con degustacións, talleres e concursos.

Páxinas suxeridas