Estás en:Novas

O deputado de Turismo, Xosé Regueira, visita o xeoparque Costa Vasca para asentar o proxecto de Ortegal

Reúnese co alcalde de Deba, Pedro Bengoetxea, e o director científico Asier Hilario no programa de encontros con xeoparques de especial interese.

O deputado de Turismo, Xosé Regueira, visita o xeoparque Costa Vasca para asentar o proxecto de Ortegal

 

O deputado de Turismo, Xosé Regueira, foi recibido polo alcalde de Deba, Pedro Bengoetxea, o director científico e a xerente do xeoparque Costa Vasca, Asier Hilario e Leire Barriuso na visita que ten como obxectivo estudar o modelo co fin de asentar o proxecto de Ortegal.O deputado de Turismo viaxou ao País Vasco acompañado de persoal técnico do seu departamento.

Coñecer de primeira man o modelo do xeoparque Costa Vasca e achegar as claves para o deseño final do proxecto de Xeoparque de Ortegal foron algúns dos obxectivos do encontro que este luns mantivo o deputado de Turismo, Xosé Regueira co alcalde de Deba, Pedro Bengoetxea, e o persoal con máis responsabilidade na xestión do parque, o director Asier Hilario e a xerente Leire Barriuso.

Ademais da reunión, o deputado Xosé Regueira xunto con persoal técnico do seu departamento visitaron os principais puntos de interese do parque Costa Vasca, en especial, o centro de interpretación e os diversos enclaves de información a visitantes. O deputado de Turismo trasladou o interese de todos os concellos que toman parte do proxecto de Ortegal e o traballo man a man que se está a desenvolver de cara á candidatura como xeoparque.

A visita forma parte, neste sentido, da serie de encontros que desde a Deputación da Coruña, se están a desenvolver con centros similares co fin de afianzar o proxecto de Cabo Ortegal e situalo no circuíto dos xeoparques existentes. En certa medida, o encontro no País Vasco é tamén resposta á visita que o pasado ano o director científico do xeoparque, Asier Hilario, realizou aos concellos de Ortegal en que protagonizou unha xuntanza en San Sadurniño con alcaldes e representantes dos sete municipios que integran a proposta, convocada pola Deputación da Coruña. O experto en xestión de proxectos de xeoparques trasladou como principais recomendacións a unidade institucional á hora de defender o proxecto ademais dun plan director que contemple a constitución dun ente xestor propio, á maneira do existente en Zumaia que agora é obxecto da visita institucional da Deputación da Coruña.

Na visita, o deputado Xosé Regueira defendeu "os recursos de Ortegal para que o proxecto chegue a bo fin, unha iniciativa na que se está a traballar conxuntamente cos concellos seguindo os pasos máis adecuados para presentar unha candidatura sólida de especial interese para os concellos da comarca". Neste sentido, destacou que xeoparque do País Vasco xestiona unhas 20.000 visitas guiadas ao ano e 120.000 libres, o que supón, cando menos, a amortización do investimento desenvolvido nun proxecto que supuxo unha forte aposta dos tres concellos do parque, a Deputación e o goberno do País Vasco. Na súa visita ao territorio galego que formaría parte do xeoparque, Asier Hilario recoñecera que é "xeoloxicamente perfecto" e, neste segundo encontro con quen é un dos grandes especialistas, recoñeceu o traballo desenvolvido polos concellos e a Deputación co fin de afianzar a candidatura facendo valer os seus recursos e as súas potencialidades.

O encontro forma parte do programa de contactos con persoal xestor científico e turístico no que se integra a recente participación no congreso desenvolvido en Sobrabe, Huesca. Os concellos de Cariño, Cedeira, Cerdido, Moeche, Ortigueira, San Sadurniño e Valdoviño participan, xunto coa Deputación da Coruña, na aposta polo Xeoparque do Cabo Ortegal.

Páxinas suxeridas