Estás en:Novas

Rematan as obras da senda peonil de Igrexafreita, en San Sadurniño

As obras, financiadas co Plan Único da Deputación, supuxeron un investimento de preto de 28.000 euros

Rematan as obras da senda peonil de Igrexafreita, en San Sadurniño

O Concello de San Sadurniño vén de rematar as obras de construción dunha nova senda peonil en Igrexafreita. Os traballos, financiados cun investimento de 27.975,20 euros do Plan Único (POS+2017) da Deputación da Coruña, consistiron na execución dunha senda de formigón de 350 metros de lonxitude que contribuirá a mellorar a seguridade dos viandantes no Camiño Grande (AC-861, antiga estrada das Pontes), minimizando os riscos de atropelo.
A senda cobre a marxe norte da estrada desde a conexión coa pista que vai desde o Bar Xaida ao cruzamento da pista que leva á Curuxa e A Fraga, xusto ao carón de Casa Casal. 350 metros de distancia nos que ata o momento non existían nin beirarrúas nin unha beiravía suficientemente ancha que permitise camiñar con seguridade pola beira da AC-861, unha estrada que aínda hoxe soporta moito tráfico pesado.
A obra completa a trama peonil da zona máis poboada de Igrexafeita, dándolle continuidade -aínda que sen conexión directa- ás beirarrúas existentes desde hai anos en todo o núcleo da Torre e na área de descanso construída no Gandarón aproveitando parte dos 200 metros da estrada vella que quedou morta tras a variación do seu trazado a finais dos 90.

Páxinas suxeridas