Estás en:Novas

A Deputación da Coruña pon en común o Plan de Acción Social co persoal técnico da comarca de Bergantiños

A deputada Ánxela Franco destaca o incremento do apoio da Deputación da Coruña aos servizos sociais municipais

A Deputación da Coruña pon en común o Plan de Acción Social co persoal técnico da comarca de Bergantiños

A deputada de Servizos Sociais e Igualdade, Ánxela Franco, participou nunha xuntanza co persoal técnico da comarca de Bergantiños co obxectivo de poñer en común as demandas do sector e avanzar na elaboración do Plan de Acción Social da Deputación da Coruña. Ánxela Franco destacou o incremento, que é máis do dobre na maior parte dos concellos, do apoio da Deputación aos servizos sociais municipais.

Persoal técnico dos concellos de Cabana de Bergantiños, Carballo, Coristanco, a Laracha, Laxe e Ponteceso ademais de entidades do ámbito social como Asociación Íntegro, ASPABER e Vieiro asistiron á xuntanza que se desenvolveu no local de maiores do concello de Cabana de Bergantiños e que foi convocada pola deputada de Servizos Sociais e Igualdade, Ánxela Franco coa participación servizos técnicos do Plan de Acción Social.

Na xuntanza, o persoal técnico dos concellos destacou algunha das principais preocupacións da área entre as que se atopan a insuficiencia dos equipamentos existentes para atender ás persoas dependentes e discapacitadas. Tamén cuestionaron o excesivo peso do traballo burocrático que deben asumir os equipos municipais de benestar para tramitar dependencia ou rendas de inserción, que lles impide facer traballo de prevención ou de carácter comunitario.

A deputada de Servizos Sociais e Igualdade, Ánxela Franco, destacou a necesidade de implementar melloras nos servizos dos concellos xa que, segundo defendeu, "son as áreas que máis próximas están de persoas e as que afectan ás persoas que máis os necesitan en situacións moitas veces de urxencia".

No caso da comarca de Bergantiños, a achega da Deputación a través do apoio aos Servizos de Atención no Fogar pasou no concello de Cabanas de 31.572,68 € en 2017 a 98.560€ no 2018 cun incremento de 53.071,79 €, no de Coristanco de 42.128,12 a 89.747,28 cun aumento de 47.619,16; na Laracha de 58.600,52€ a 189,262 € con diferencia positiva de 130.661,48 €, en Laxe de 37.586,97 € a 62.415,88 € aumentando en 24.828,91 € mentres que en Ponteceso pasa de 33.097,25 a 60.092 €, é dicir, 26,994,75 € máis.

"Estes datos, o importantísimo incremento na partida nos orzamentos deste ano, mostran o compromiso da Deputación da Coruña coas persoas máis necesitadas, unha decisión que responde a comprobar como os servizos son insuficientes e é preciso apoialos desde as institucións porque reverte na mellora da vida das persoas que máis o precisan", explicou Ánxela Franco.

Como noutras xuntanzas que se están desenvolvendo en todo o territorio co fin de elaborar o Plan de Acción Social da Deputación da Coruña, na reunión de Bergantiños un dos temas recorrentes foi o excesivo tempo para a tramitación das dependencias e das discapacidades, que segundo diferentes declaracións poden roldar entre os 8 e os 18 meses. Fixeron notar que, na actualidade son os Concellos os que a través do SAF básico están a cubrir as excesivas demoras na valoración e posterior prestación do servizo a través da lei da dependencia. Un insuficiente servizo de transporte público complicaría aínda máis a situación, segundo o persoal técnico dos concellos, contribuíndo a xerar illamento e soidade entre as persoas máis necesitadas. A deputada Ánxela Franco defendeu "a implicación da Deputación na mellora dos servizos sociais, un compromiso que sería desexable que fose compartido con outras institucións".

Páxinas suxeridas