Estás en:Novas

O Plan Único inxecta 1,2 millóns na mellora de infraestruturas e servizos do concello das Somozas

O presidente da Deputación anuncia que se destinarán 86.100 euros ás obras de reforma e acondicionamento da piscina municipal, que estarán rematadas o vindeiro verán.

González Formoso compromete o apoio da Deputación ao proxecto municipal de construír cun centro cívico-social para os maiores do municipio.

O Plan Único inxecta 1,2 millóns na mellora de infraestruturas e servizos do concello das Somozas

O Plan Único (POS+) da Deputación da Coruña inxectou en só dous anos preto de 1,2 millóns de euros para a mellora de infraestruturas e servizos públicos no concello das Somozas.
Así o explicou o presidente da institución provincial, Valentín González Formoso, durante a visita que hoxe realizou ao municipio, na que estivo acompañado polo alcalde da localidade e deputado provincial, Juan Alonso Tembrás, que agradeceu a colaboración da Deputación para financiar obras que contribúen a mellorar a calidade de vida no municipio.
"A través do Plan Único, a Deputación seguirá apoiando proxectos importantes e demandados polos veciños das Somozas coma a ampliación da estrada do cemiterio, a construción de beirarrúas e mellora de alumeado público nos núcleos da Igrexa, Roda e Seixas, a dotación de abastecemento de auga a Marbán ou Seixas, ou a reforma da piscina municipal", afirmou González Formoso, que destacou que ademais destes 1,2 millóns xa aprobados, o municipio xa conta cunha achega inicial de preto de 400.000 euros nos POS+2019.
A Deputación financiará o acondicionamento da piscina
Tras a recepción no Salón de Plenos municipal, o alcalde e o presidente visitaron a piscina municipal, onde a Deputación levará a cabo unha completa reforma das instalacións, que incluirá a pavimentación da zona de praia da piscina, a dotación dunha nova pérgola de madeira de piñeiro que ofreza unha zona de protección solar para os usuarios, a substitución e impermeabilización das cubertas dos vestiarios que actualmente presentan filtracións de auga, e o acondicionamento e instalación de novo mobiliario urbano na contorna, que incluirá bancos de granito e unha nova tarima de madeira exterior na zona de acceso aos vestiarios.
González Formoso e Alonso Tembrás informaron de que o investimento nesta obra alcanzará os 86.100 euros e permitirá unha profunda renovación das instalacións, con case vinte anos de antigüidade, que os usuarios poderán desfrutar o vindeiro verán.
O alcalde e o presidente visitaron tamén a obra, recentemente rematada, da estrada de acceso ao cemiterio da localidade dende a estrada AC-110, nas inmediacións da Casa do Concello. Neste punto, a Deputación, a través do Plan Único (POS+2017) financiou con 100.000 euros. Os traballos consistiron na ampliación do vial, que conta con carrís de 3,5 metros de ancho, a creación dunha ampla zona de estacionamento de vehículos con prazas reservadas para persoas con mobilidade reducida e a a dotación de beirarrúas en ambas as dúas marxes que contribúen a mellorar a seguridade peonil.
Colaboración para un centro de maiores
Juan Alonso Tembrás presentou ao presidente da Deputación o proxecto de goberno municipal para dotar As Somozas dun centro cívico-social para que as persoas maiores poidan desenvolver actividades. González Formoso mostrou a disposición da Deputación a "poñer o seu grao de area" e colaborar con outras administracións no financiamento desta infraestrutura, que considerou "moi necesaria e demandada nun municipio cun elevado índice de envellecemento na súa poboación".
Ademais destas obras, o Plan Único da Deputación financiará nas Somozas a ampliación de beirarrúas e alumeado na Igrexa (39.984 euros), e Roda (52.438 €), a instalación de novo alumeado en Seixas (45.062,25 €), a dotación de traída de auga a Marbán e Seixas (67.430,12 €), ou a mellora de camiños en núcleos como Recemel (44.478,50 €), O Batán-Santa Cristina (57.947 €), ou A Esfarrapa (51.909 €), entre outras actuacións.

Páxinas suxeridas