Estás en:Novas

A Deputación leva a Cee unha exposición de caricaturas de Siro López sobre o 40 aniversario da Constitución

A través de 117 caricaturas, Siro lembra algúns dos episodios máis destacables da Transición española, dende a morte de Franco ata a vitoria do PSOE nas eleccións xerais de 1982

A mostra "O Camiño á Constitución nas caricaturas de Siro" permanecerá na Casa da Cultura de Cee ata o vindeiro 28 de outubro

A Deputación leva a Cee unha exposición de caricaturas de Siro López sobre  o 40 aniversario da Constitución

A Deputación da Coruña súmase ás conmemoracións do 40 aniversario da Constitución coa organización dunha exposición de caricaturas nas que o artista ferrolán Siro López recolle a súa particular visión acerca dalgúns dos episodios máis destacables da Transición española, dende a morte de Franco ata a vitoria do Partido Socialista nas eleccións xerais de 1982.
A mostra, composta por 117 debuxos acompañados de textos explicativos do contexto histórico que describen, teñen entre os seus protagonistas ao Rey Juan Carlos, Adolfo Suárez, Calvo Sotelo, Felipe González, Santiago Carrillo, Manuel Fraga Iribarne, Xerardo Fernández Albor ou Francisco Vázquez, inaugurouse onte na Casa da Cultura de Cee, onde permanecerá ata o vindeiro 28 de outubro.
"Con motivo do 40 aniversario da Constitución, ninguén mellor que Siro para axudarnos a recuperar e retratar a memoria dun dos períodos políticos máis convulsos e apaixonantes da nosa historia recente", afirmou o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, que destacou "os importantes cambios sociais e políticos" que se produciron en España nestas catro décadas "e que tiveron como protagonista ao conxunto da sociedade española".
"Isto foi posible en parte grazas a un texto constitucional que regulou e garantiu as nosas liberdades, os nosos dereitos como cidadáns e a nosa convivencia nun Estado social e democrático de dereito", afirmou González Formoso, que agradeceu "o talento, a xenialidade e a mestría artística de Siro. Ás veces arrincándonos un sorriso, outras invitándonos a reflexionar e sempre facéndonos cómplices da súa particular visión dun tempo no que a sociedade española sentou os alicerces do que hoxe somos como país".

"Se unha imaxe vale máis que mil palabras, os debuxos de Siro poden retratar mellor que moitas crónicas da época aos personaxes que protagonizaron estes anos", afirmou o presidente da Deputación da Coruña.
Na presentación que asina no catálogo da mostra, o xornalista Fernando Ónega afirma que a exposición organizada pola Deputación plasma a "esencia creativa de Siro" e apunta que "esta colección de dibujos es un capítulo apasionante de la historia de España y de Galicia; de la historia que hemos convenido en llamar Transición, con mayúscula, y que no es otra cosa que la apasionante construcción de la democracia y la ilusionante conquista de las libertades y los derechos civicos".
Pola súa banda, o historiador Justo Beramendi, que tamén asina o prólogo do catálogo da exposición, apunta que Siro "constrúe un relato ilustrado que, con rigor e humor, lévanos da man, sen saltarse nada importante, dende as primeiras leis franquistas que marcaron a sucesión na xefatura do Estado até o triunfo do PSOE pasando pola morte do ditador, os intentos de perpetuar a ditadura, a reforma política de Suárez, o conflitivo enfrontamento ruptura-transición e o proceso constitucional".
Mostra itinerante
Tras a súa estancia inicial na cidade da Coruña e en Cee, onde permanecerá ata o 28 de outubro, a exposición continuará a súa itinerancia en Ribeira (Centro Cultural Lustres Rivas, do 8 ao 25 de novembro), Santiago de Compostela (USC, do 29 de novembro ao 16 de decembro), Carballo (Casa da Cultura, do 17 de xaneiro ao 3 de febreiro) e Ferrol (Centro Torrente Ballester, do 7 ao 24 de febreiro).