Estás en:Novas

Alcaldes da provincia infórmanse na Deputación sobre novas fórmulas de colaboración co Catastro

A colaboración con concellos e Deputación permite ao Catastro ter rexistrados o 97% dos inmobles da provincia

González Formoso agradeceu a presenza na Coruña do máximo responsable do Catastro a nivel nacional para explicar as novidades lexislativas sobre colaboración coas entidades locais.

O presidente ofrece a colaboración da Deputación para avanzar na simplificación dos trámites, que supoñan menos cargas e obrigas para os cidadáns, máis axilidade e mellor coordinación cos municipios da provincia

Alcaldes da provincia infórmanse na Deputación sobre novas fórmulas de colaboración co Catastro

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o director xeral do Catastro, entidade dependente do Ministerio de Facenda, Fernando de Aragón Amunarriz, inauguraron esta mañá na sede da institución provincial unha xornada destinada alcaldes e concelleiros da provincia sobre as novas formas de colaboración entre Catastro e concellos.

"É interesante que exista unha comunicación fluida entre concellos, Deputación e Catastro", afirmou González Formoso, que agradeceu a presenza do máximo responsable do Catastro a nivel nacional para compartir esta xornada cos alcaldes da provincia da Coruña e explicar algunhas das novidades lexislativas no ámbito a raíz das modificacións introducidas pola Lei 13/2015 de Reforma do Catastro Inmobiliario.

González Formoso ofreceu a colaboración da Deputación para avanzar na simplificación dos trámites, que supoñan menos cargas e obrigas para os cidadáns, máis axilidade e mellor coordinación cos municipios da provincia.

O director xeral do Catastro, Fernando de Aragón Amunarriz, afirmou que o obxectivo desta entidade "é contar cun inventario catastral o máis completo, actualizado e preciso posible" e destacou a importancia da colaboración das entidades locais para elo.

Neste sentido, afirmou que o Caastro conta con máis de 78 millóns de inmobles rexistrados e atendeu, a través da base de datos do visor catastral 264 millóns de consultas no que vai de ano, expedindo máis de 20.000 certificacións cada día.

"Este traballo non sería posible sen a colaboración con 987 diputacións, municipios e outras entidades, articulada a través de convenios dende hai máis de 25 anos", afirmou o director xeral do Catastro, que afirmou que "unha vez consolidado este modelo queremos plantear outro máis amplio e completo para o futuro".

O subdirector xeral do Catastro, Jesús Puebla, explicou na provincia da Coruña o 96% das entidades locais colaboran co Catastro, chegando ao 97% dos inmobles e detallou algúns dos obxectivos principais da nova fórmula de cooperación que propoñen aos concellos, entre os que destacan a colaboración no mantemento e actualización permanente na base de datos dos catastro, a diminución das cargas e obrigas dos cidadáns, a homoxenización dos convenios e a simplificación nos trámites das alteracións catastrais.

Puebla incidiu tamén en aspectos como a importancia do desenvolvemento das TIC e explicou o funcionamento do novo mapa de xestión do Catastro

Páxinas suxeridas