Estás en:Novas

A Deputación da Coruña incrementa en máis de 75.000 € a achega ao Servizo de Atención no Fogar na Barbanza

A deputada Ánxela Franco reúnese co persoal técnico da comarca para  elaborar o Plan de acción social

A Deputación da Coruña incrementa en máis de 75.000 € a achega ao Servizo de Atención no Fogar na Barbanza

Un total de 75.788 € é o incremento na achega aos Servizos de Atención no Fogar da comarca da Barbanza por parte da área de Servizos Sociais da Deputación da Coruña. A deputada responsable, Ánxela Franco, explicou o apoio aos concellos na xuntanza con persoal técnico da comarca para elaborar o Plan de acción social.

A achega da área de Servizos Sociais da Deputación da Coruña incrementou a achega ao Servizos de Atención no Fogar do concello de Boiro de 65.023,07 € en 2017 a 127.697,80 € en 2018, experimentando un aumento de 62.674,73 €. No caso da Pobra, o apoio pasou de 56.043,65 € a 66.929,96 € cunha subida de 10.886,31 € e en Rianxo de 65.023,07 € a 67.252,00 € cun incremento de 2.228,93 €. En total, o orzamento que a Deputación da Coruña destina aos Servizos de Axuda no Fogar dos tres concellos da Barbanza con poboación inferior a 20.000 persoas -Ribeira non entra no programa por ter un número de habitantes superior- experimentou un incremento de 75.788 € con respecto ao ano anterior.

O Servizo de Axuda no Fogar foi un dos temas da xuntanza convocada pola deputada de Servizos Sociais e Igualdade, Ánxela Franco, na comarca da Barbanza, dentro do programa de encontros para a elaboración do Plan de Acción Social que está a desenvolver desde o departamento que dirixe. Na reunión deste xoves, participaron persoal técnico dos concellos e tamén representantes de entidades do ámbito social como a Asociación AMBAR de Persoas con diversidade funcional, a Asociación antidroga Renacer de Ribeira ou a Asociación de Familias de Persoas con Discapacidade Psíquica das Comarcas do Barbanza e Noia – AMICOS. Na xuntanza, fixeron partícipe á Deputación dos principais déficits da comarca entre os que destacaron o insuficiente servizo de transporte público.

Na súa intervención, Ánxela Franco destacou a natureza do encontro que ten como obxectivo pulsar de primeira man a situación dos servizos sociais dos concellos e as súas principais necesidades ademais de facer partícipe do traballo que se está a desenvolver desde a Deputación da Coruña nunha área que, segundo destacou, "estamos a promover porque cando se fala de servizos sociais non podemos poñer á beira a palabra recortes. Estamos na área que traballa máis directamente coas persoas que máis o precisan co cal é necesario incrementar o apoio e o compromiso institucional". Explicou tamén que desde a Deputación da Coruña apostouse por un incremento substancial no programa do Servizo de Axuda no Fogar que financia non só o persoal técnico senón tamén administrativo e o pago por hora de servizo que a Deputación contabiliza en 12 €/horas, substancialmente superior que outras institucións.

"Apostamos por uns servizos sociais que contribúan á igualdade das persoas nos concellos e por iso se aumenta a axuda e se distribúen as achegas de maneira obxectiva", sinalou Ánxela Franco.

Dos Servizos Sociais Comunitarios municipais benefícianse 83 concellos con menos de 20.000 habitantes. "Estamos a falar dun dos piares da área que é de vital importancia para a xente que máis atención precisa", explica Ánxela Franco.

O Plan de Acción de Servizos Sociais "Rede de Concellos para o Benestar" trátase dunha análise na que a área de Servizos Sociais da Deputación da Coruña está a traballar co ánimo de coñecer a realidade social dos concellos da Coruña e así poder elaborar no futuro políticas eficientes que optimicen a xestión dos recursos.

O proxecto, segundo a deputada Ánxela Franco, "sentará un antes e un despois" sobre o coñecemento que se posúe arredor das áreas de Servizos Sociais a nivel provincial, porque, ao seu ver, "para realizar ben a xestión dos investimentos, debemos coñecer o territorio primeiro".

O proxecto, dotado con 83.000 €, diríxese a crear unha ferramenta de especial interese á hora de programar políticas de acción en servizos sociais. A da Barbanza é a oitava das dezaoito xuntanzas que se desenvolverán en todo o territorio nas que está a participar a deputada Ánxela Franco.