Estás en:Novas

O venres coñecerase a banda gañadora do concurso Fran Pérez "Narf" da Deputación da Coruña nun concerto coas cinco finalistas e o grupo Son da Rúa

Néboa, Su Garrido Pombo, Zumaque Trío, Oh! Ayatollha e A banda da Loba son os grupos que optan ao premio

O venres coñecerase a banda gañadora do concurso Fran Pérez

O grupo Son da Rúas será a banda convidada ao concerto que este venres se celebrará na Sala Sónar de Santiago en que se decidirá a banda gañadora do X Premio Fran Pérez Narf da Deputación da Coruña. A entrada para o concerto, no que actuarán os cinco grupos ao vivo ademais da banda gañadora, é de entrada libre até completar o aforo.
Néboa, de Caldas de Reis, Su Garrido Pombo, de Vigo, Zumaque Trío de Ames e Santiago, Oh! Ayatolha de Burela e A Banda da Loba de Santiago de Compostela son as cinco finalistas ao Concurso Fran Pérez "Narf" da Deputación da Coruña que participarán no concerto colectivo deste venres en que se decidirá a banda gañadora da décima edición do concurso. Como banda convidada actuará Son da Rúa, o grupo formado por Hugo Guezeta e Alex Arnoso que se sitúa na primeira liña do rap galego.
O xurado composto por Brais Morán Mato, Isaac Gónzalez López, Mar Catarina Serantes, Xurxo Souto e a gañadora da anterior edición, Camille Hédouin, Mounqup, e presidido pola vicepresidenta e responsábel da área de Cultura da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín Rei, reunirase de novo para escoitar ao vivo as bandas finalistas e decidir a gañadora, e tamén os seguintes postos, da décima edición do concurso de artistas e grupos musicais que leva desde hai dúas edicións o nome do músico, compositor e dinamizador cultural de Santiago finado o 15 de novembro de 2016.
Na anterior edición a gañadora foi a música Mounqup con Igmig como segundo clasificado. Bala foi a banda gañadora no ano anterior con MJ Pérez no segundo lugar.
Grupos e artistas finalistas do X Premio Narf
NÉBOA
Representante: Aloia López Ferro
Teléfono: 652256230
Correo electrónico: aloia.l.ferro@gmail.com
Concello: Caldas de Reis

COMPOÑENTES
Lucas Martínez Suárez de Centí: Vibráfono, teclados e electrónica
Jacobo García Lafuente: Baixo, teclado e electrónicas
Tomás Porteiro Abuín: Guitarra eléctrica e voz
Aloia López Ferro: Voz
Sandra Pérez Míguez: Percusión
Alex Rodríguez Lázaro: Batería

En xuño de 2015 autoeditaron o seu primeiro disco, "Antes da tormenta", que gravaron nos estudos Litium Records de Pontevedra. Desde entón levan a súa música por algunhas salas, algúns festivais e, principalmente, algúns bares de Galicia.
Ademais de tocar ao vivo, continuaron a traballar en novas cancións, que foron cobrando vida entre ensaios e concertos, e colaboraron con outros músicos, como os cantantes portugueses Susana Nunes (HAEMA) e Joao Neves (Moncho Gris, Singular Lugar). Froito desta colaboración editaron a principios de maio do 2018 "Lisboa 5AM", a súa primeira canción en portugués, como single dixital. Xunto con ela tamén publicaron "Sigue sigue". Estas dúas cancións foron gravadas na Coruña en agosto do 2017 nos Estudos Mans, a raíz do premio que lles permitiu tocar no Festival Sinsal na Illa de San Simón.
SU GARRIDO POMBO
Representante: Susana Garrido Pombo
Teléfono: 620195176
Correo electrónico: su-si@hotmail.com
Concello: Vigo
COMPOÑENTES
Su Garrido Pombo: Voz e Guitarra
Su Garrido Pombo naceu en Vigo e é de aldea de Traspielas (Fornelos de Montes). É música e compositora e o seu estilo abarca diferentes xéneros incluíndo Jazz, Latin, Bossa ou Folk. Aprendeu a cantar coa súa avoa na aldea as cancións que ela lle ensinaba dos seráns e tamén as que escoitara na radio, boleros, pasodobres ou rancheiras. Máis tarde estudou guitarra en Vigo, no conservatorio Mayeusis e licenciouse en Historia e Ciencias da Música e Historia da Arte na Universidade de Compostela, Salamanca, Granada e Florencia. A súa música lévaa a diferentes países de Europa e Ámérica, primeiro como membro do grupo folk Lembranzas Galegas e máis tarde como vocalista do grupo Sonhos.

ZUMAQUE TRÍO
Representante: Pablo Pascual Alonso
Teléfono: 699924639
Correo electrónico: plaxos@hotmail.com
Concello: Ames
COMPOÑENTES
Pablo Pascual Alonso: Clarinete
Alfonso Calvo Méndez: Contrabaixo
Bleuenn Le Friec: Arpa
Zumaque Trío é unha formación de recente creación, integrada por tres músicos afincados en Compostela, cunha longa traxectoria nos seus ámbitos musicais. A arpista bretoa Bleuenn Le Friec, cunha dilatada experiencia na música sinfónica, o contrabaixista Alfonso Calvo, vencellado a múltiples proxectos do jazz e as músicas improvisadas, e o clarinetista Pablo Pascual, que desenvolveu a súa carreira en diversos ámbitos, pero sempre comprometido coa música tradicional galega
OH! AYATOLLAH
Representante: Xoel Geada Geada
Teléfono: 627750211
Correo electrónico: xoelgeada@gmail.com / ohayatollah@gmail.com
Concello: Burela
COMPOÑENTES
Simón Cuba López Batería
Anaís Fernández Fernández Guitarra
Nuno García Pico Voz e teclado
Xoel Geada Geada Guitarra
Andrés Real López Baixo
Oh! Ayatollah é un grupo de pop que nace a finais de 2015 en Santiago de Compostela, da xuntanza de varias persoas que coincidiron estudando nesta cidade, todas cunha semellante sensibilidade no musical e con ganas de pasalo ben tocando.
En abril de 2016 saca a súa primeira referencia, un EP de cinco cancións titulado "Cancións por se non te quere xa". En novembro dese mesmo ano sae o seu videoclip "Mi Re La", que levará o premio ao mellor videoclip na sección do xurado do Festival de Cans de 2017. Actualmente están en proceso de presentación do seu primeiro LP publicado a comezos de 2018.

A BANDA DA LOBA
Representante: Inés Mirás Vieites
Teléfono: 686099644
Correo electrónico: abandadaloba@gmail.com
Concello: Santiago de Compostela
COMPOÑENTES
Inés Mirás Vieites: Guitarra
Xiana Lastra Pernas: Voz
Estela Rodríguez Carvalho: Violín
Marcela Porto Mato: Percusión
Andrea Porto Mato: Baixo

Integrada por cinco mulleres que decidiron unir as súas traxectorias individuais para dar voz a este novo proxecto, destaca a creación dun repertorio propio baseado tanto en letras da súa autoría como en musicalizacións de poetas célebres ou outros textos tomados dos poemarios das escritoras contemporáneas como Rosalía Fernández Rial ou Celia Parra. Todo isto, baixo un estilo ecléctico e heteroxéneo que bebe do rock, do pop, do folk... e fai do seu repertorio un fantástico caleidoscopio musical.

Páxinas suxeridas