Estás en:Novas

Su Garrido Pombo gaña o X Concurso Fran Pérez "Narf" da Deputación da Coruña

Su Garrido Pombo gaña o X Concurso Fran Pérez

A cantante Su Garrido Pombo conseguiu coa súa voz e a súa guitarra facerse co X Premio Fran Pérez Narf de artistas e grupos musicais da Deputación da Coruña. O segundo premio foi para a banda Néboa nun certame no que o xurado confesou "suar" pola altísima calidade das bandas.

Soa coa súa voz e guitarra, a cantante Su Garrido Pombo fíxose co primeiro premio do X Concurso Fran Pérez Narf da área de Cultura da Deputación da Coruña nunha final que se desenvolveu na noite do venres na Sala Sónar de Santiago.

O xurado, composto por Brais Morán Mato, Isaac Gónzalez López, Mar Catarina Serantes, Xurxo Souto e a gañadora da anterior edición, Camille Hédouin, Mounqup, presidido pola vicepresidenta e responsábel da área de Cultura da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín Rei, coa xefa de servizo da área, Mercedes Fernández Albalat como secretaria optou pola "emoción, calidade e proxecto musical" de Su Garrido Pombo e insistiu no bo nivel dos grupos que concorreron ao certame.

No acto final, ao se dar a coñecer o resultado do concurso, a vicepresidenta e responsábel da área de Cultura da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín Rei, quixo lembrar ao músico que leva o nome do certame, Fran Pérez Narf e destacou que o concurso está consolidado e é un escaparate da calidade da música que se está a facer no país, con propostas variadas e sólidas.

Pola súa parte, o músico Xurxo Souto, como representantes do xurado, foi o encargado de facer pública a resolución no momento final do concerto en que as cinco bandas mostraron o seu traballo ao vivo e destacou as cualidades de todas as propostas, facendo fincapé, na "calidade, a emoción e o proxecto artístico" da gañadora, Su Garrido Pombo, que, segundo dixo, herdou a maneira de cantar e o entusiasmo pola música da súa avoa nunha aldea de Fornelos de Montes que lle ensinou a cantar con dous anos. "Cantar é o acto máis subversivo e marabilloso que podemos facer", dixo Su Garrido cando recibiu o premio.

Su Garrido Pombo naceu en Vigo e é de aldea de Traspielas (Fornelos de Montes). É música e compositora e o seu estilo abarca diferentes xéneros incluíndo Jazz, Latin, Bossa ou Folk. Aprendeu a cantar coa súa avoa na aldea as cancións que ela lle ensinaba dos seráns e tamén as que escoitara na radio, boleros, pasodobres ou rancheiras. Máis tarde estudou guitarra en Vigo, no conservatorio Mayeusis e licenciouse en Historia e Ciencias da Música e Historia da Arte na Universidade de Compostela, Salamanca, Granada e Florencia. A súa música lévaa a diferentes países de Europa e Ámérica, primeiro como membro do grupo folk Lembranzas Galegas e máis tarde como vocalista do grupo Sonhos.

A gañadora recibirá 3.000 € mais a participación dunha programación específica de apoio á difusión da súa música promovido pola área de Cultura da Deputación da Coruña que consistirá na inclusión nun programa de tres festivais ou eventos culturais de referencia no panorama galego.

A participación nesta proposta de difusión musical é tamén parte do premio do segundo clasificado que consigue ademais 2.000 € de premio. Trátase, nesta ocasión, do grupo Néboa, de Caldas de Reis, con Lucas Martínez Suárez de Centí, no vibráfono, teclados e electrónica; Jacobo García Lafuente, no baixo, teclado e electrónica; Tomás Porteiro Abuín, na guitarra eléctrica e voz, Aloia López Ferro na voz, Sandra Pérez Míguez na percusión e Alex Rodríguez Lázaro á batería. Néboa autoeditoron en 2015 o seu primeiro disco, "Antes da tormenta" e iniciaron unha intensa actividade con concertos ao vivo. A principios de maio do 2018 gravaron "Lisboa 5AM", a súa primeira canción en portugués, como single dixital. Xunto con ela tamén publicaron "Sigue sigue". Estas dúas cancións foron gravadas na Coruña en agosto do 2017 nos Estudos Mans, a raíz do premio que lles permitiu tocar no Festival Sinsal na Illa de San Simón.

A banda Oh! Ayatollha situouse en terceiro lugar con 1.500 € e A banda da loba e Zumaque Trío ocuparon o cuarto e quinto postos con 1.000 € e un empate en puntos segundo fixo constar o xurado. 

Páxinas suxeridas