Estás en:Novas

A Deputación entrega os premios do V Circuíto Provincial de Carreiras Populares

O club Atletismo Sar proclamouse vencedor das categorías absolutas feminina e masculina, mentres que o pódium de menores estivo encabezado na categoría feminina polo club de atletismo Olimpia (Cee) e a masculina por Millaraio, de Santiago

O deputado Antonio Leira destacou a gran participación no circuíto, que reuniu a 15.100 corredores nas 30 probas que o conformaban

A Deputación entrega os premios do V Circuíto Provincial de Carreiras Populares

O deputado de Economía e Facenda, Antonio Leira, a deputada provincial Patricia Blanco e o secretario da Federación Galega de Atletismo, Carlos Castro, participaron esta tarde no acto de entrega dos premios do V Circuíto Provincial de Carreiras Populares.

A Deputación e Federación Galega de Atletismo colaboraron na organización das 30 probas do circuíto, que na súa quinta edición recalou nos concellos de Cambre, Culleredo, Curtis, Sada, Carballo, Cee, Carnota, Laracha, Ponteceso, Cabana de Bergantiños, Muxía, Zas, Ferrol, Fene, San Sadurniño, Ames, Brión, Frades, Negreira, Ordes, Oroso, O Pino, Teo, Boiro, Noia, Outes, Pobra do Caramiñal, Porto do Son, Ribeira e Rianxo.

Entre os máis de 15.100 corredores que participaron nas carreiras, proclamáronse vencedores nas categorías absolutas Amador Pena (Club O Pino), Manuel Pérez (Sar) e José Gómez (Mayobre) , e nas femininas Rocío Alvite (Sar), Eusebia Maldonado e Aúrea Retamal (Milladoiro). Asemade, foron premiados un total de 47 atletas que obtiveron as mellores puntuacións nas diferentes categorías, desde benxamíns ata veteranos.

No pódium por equipos, o Club Atletismo Sar (Comarca do Sar) resultou vencedor tanto da categoría absoluta masculina como da feminina. A clasificación masculina completárona o Club Atletismo O Pino (O Pino) e Milladoiro (Ames), mentres que o segundo e terceiro premio femininos recaeron en Atletismo O Pino e Club de Atletismo Sada.

En canto ás categorías de menores, os galardóns para os equipos masculinos obtivéronos os clubs Millaraio (Santiago), Fontes do Sar (Santiago) e Coruña Comarca (Coruña). O primeiro premio feminino recaeu na Asociación Deportiva Olimpia (Cee), mentres que o segundo e o terceiro foron para o club Atletismo Sar e Marineda (Coruña

Antonio Leira felicitou a todos os gañadores e agradeceu a gran participación coa que contaron todas as carreiras así como a extraordinaria labor de organización e coordinación das probas que leva a cabo a Federación Galega de Atletismo, para posibilitar que no circuíto poidan participar o máximo número de concellos e de clubs.

Páxinas suxeridas