Estás en:Novas

Seis bandas optan ao premio Quero Cantar de música infantil e xuvenil da Deputación da Coruña


Grupos de Cortegada, Fisterra, Teo, Pontevedra e Vila de Cruces participarán na final o día 17 de novembro no Teatro Colón da Coruña

Seis bandas optan ao premio  Quero Cantar de música infantil e xuvenil da Deputación da Coruña

Tres bandas de Cortegada, Fisterra e Teo son as finalistas na modalidade de infantil e dúas de Vila de Cruces e unha de Pontevedra na de xuvenil son as finalistas da terceira edición do Premio Quero Cantar de música infantil e xuvenil da Deputación da Coruña. A final terá lugar o vindeiro 17 de novembro no Teatro Colón da Coruña.

Un xurado composto por cinco artistas de recoñecida traxectoria musical como son Belén Tajes, Sergio Tannus, Aida Saco Beiroa, Elena Paz e Manuel Otero coa vicepresidenta e responsábel da área de Cultura, Goretti Sanmartín Rei como presidenta e a xefa de sección de Cultura, Mercedes Fernández Albalat como secretaria fixeron xa a primeira selección da terceira edición do Premio Quero Cantar de música pola que se escollen tres grupos para participar na final e cinco no CD do certame.

Despois da xuntanza que se desenvolveu na Deputación da Coruña, o xurado decidiu que na categoría xuvenil as bandas e solistas que pasan á final son Pequenos Besbellos, de Pontevedra, con Faite respectar; Noa, de Vila de Cruces, con Agora son eu e Enxebres, tamén de Vila de Cruces con Sempre combativa. A estas cancións tamén as han acompañar no disco os temas Serei, da coruñesa Carlota Creus e Boa viaxe, das teenses Mikan.

Na categoría infantil, pasen á final os grupos Cortegadaos, do concello de Cortegada, coa canción Eu quero ser unha árbore; As fantásticas, de Fisterra, coa canción O blues do faro e Os Calistos, de Teo, coa canción A princesa azul. No disco ha acompañalas a canción Ven comigo, do grupo amiense Ramalloss.

Maria Fumaça, banda convidada

A próxima cita do concurso terá lugar o sábado 17 de novembro a partir das seis da tarde, no teatro Colón da Coruña. As bandas seleccionadas deberán interpretar alí en directo as súas composicións e desta vez será un xurado formado por mozas e mozos de ata 16 anos quen determine a posición final de cada unha das concorrentes.

Todas as bandas participantes na final teñen xa o seu premio asegurado, que será de 1500 euros máis un videoclip para as primeiras clasificadas en cada categoría, 1000 euros para as segundas e 500 para as terceiras.

A gala ha contar ademais coa participación como banda invitada do grupo infantil María Fumaça.

Páxinas suxeridas