Estás en:Novas

González e Trabazo vanse de Ferrolterra máis líderes da Copa Galicia de Ciclocrós

González e Trabazo vanse de Ferrolterra máis líderes da Copa Galicia de Ciclocrós

As probas de ciclocrós de Esmelle e Ferrol serviron para pechar a semana máis esixente do calendario de competición da Copa Galicia sen que ao seu termo se rexistrasen grandes cambios con respecto aos líderes a excepción do cambio de chaqueta entre os máster 40, antes en mans de Xacob Agra ( Louriña) e agora en posesión de Alex Trasbach (Racing). Samuel González (Kiwi Atlántico) e Irene Trabazo (Marín) completaron como líderes absolutos o triplete de probas na comarca de ferrolterra que se iniciaba o pasado xoves co ciclocrós da Laboral de Culleredo.

A xornada do sábado disputábase nas instalacións do Val de Esmelle a segunda proba ciclocrosista en apenas tres días. Con escasa choiva, os dous quilómetros e medio de trazado foron a ocasión propicia para que os líderes rodasen sen contratempos nun circuíto no que prevalecía a potencia sobre a técnica. A matinal do domingo foron as instalacións do Club de Campo de Ferrol as que acolleron a sexta edición da proba ferrolá nun día chuvioso que fixo un pouco máis complexo os dous quilómetros e oitocentos metros do percorrido que, diferenza da xornada previa, resultaba máis técnico que físico.

O gran referente do ciclocrós galego, o allaricense Iván Feijoo (Maceda), parecía destinado a completar unha fin de semana exitosa pero tras vencer en Esmelle con autoridade viuse obrigado a retirarse na proba ferrolá por problemas físicos. Adrián Barros (Ponteareas) foi o gañador no club de campo tras un forte ataque a falta de dúas voltas que rompeu o grupo que comandaba a proba e permitiulle sumar o seu primeiro triunfo do ano cunha importante vantaxe sobre os seus rivais. A regularidade do vigués Samuel González ( Kiwi Atlántico), segundo en Esmelle e en Ferrol, valeulle para saír da comarca de ferrolterra afianzado no liderado da Copa. A sub 23 Irene Trabazo (Marín) suma as súas actuacións por vitorias e podería sentenciar a clasificación  autonómica bastantes probas antes da súa conclusión.

En varias categorías concorreron dobres vitorias nas probas da fin de semana. Entre a base, dominio dos cadetes Miguel Rodríguez (Ponteareas) e Laura Capa (Marín). Jorge Fernández (Ponteareas) en junior tamén fixo dobrete, idéntico resultado que Andrés Calvete (Monte Xalo) en master 30; Alejandro Trasbach (Racing) en master 40; Antonio Sousa (Bifase) en master 50-60 e Montserrat Martínez ( Saertex) en master feminino.

Noutras categorías como a junior feminina, a vitoria en Esmelle correspondeu a Andrea Rodríguez (Maceda) e en Ferrol á súa compañeira de equipo Noela Saa. En categoría elite masculino, dobre vitoria de Adrián Valverde (Rías Baixas) que consolida o seu liderado na Copa. En mulleres elite, triunfo para María José Gómez (Cambre) na xornada do sábado impoñéndose á pontevedresa Lucía Vázquez ( Prorebordosa) que lle devolveu a moeda no club de campo ferrolán postergando a Gómez á segunda praza.

Á conclusión do esforzo de disputar tres probas en apenas catro días, a Copa de Galicia queda encabezada por Antonio Sousa ( Bifase) en máster 50-60; Alejandro Trasbach (Racing) e Mónica Alarcón (Arcade) en máster 40; Andrés Calvete (Monte Xalo) e Montserrat Martínez ( Saertex) en máster 30; Miguel Rodríguez (Ponteareas) e Laura Capa (Marín) en cadete; Jorge Fernández (Ponteareas) e Andrea Rodríguez (Maceda) en junior; Samuel González ( Kiwi Atlántico) e Irene Trabazo (Marín) en sub23 e Adrián Valverde e María José Gómez (Cambre) en elite.

Por diante aínda restan 11 probas por celebrarse antes de disputar o Campionato de Galicia. A próxima cita terá lugar o domingo 11 en Dumbría.

 

Páxinas suxeridas