Estás en:Novas

A Deputación financiará en 2019 as obras de rehabilitación do muíño de vento de Laxe

O presidente Valentín González Formoso reuniuse hoxe co concelleiro de Emprego e Cultura e alcalde en funcións da localidade, Ricardo Facal, para analizar os pormenores do proxecto

A Deputación financiará en 2019 as obras de rehabilitación do muíño de vento de Laxe

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o concelleiro de Emprego e Cultura e alcalde en funcións de Laxe, Ricardo Facal Castiñeira, mantiveron esta mañá unha reunión de traballo para abordar o proxecto de rehabilitación e posta en valor do muíño de vento da localidade, coñecido como o de "Manolo do Rei". Na reunión participou tamén o deputado de Economía e Facenda, Antonio Leira Piñeiro.

Ricardo Facal explicou os avances do goberno municipal nos trámites para a adquisición deste muíño de vento, único na Costa da Morte polo seu sistema de moa a base de engranaxes independentes e velas de lenzo triangulares como as que tiñan os barco, e os plans existentes para acondicionar a súa contorna e convertelo nun importante atractivo turístico para a localidade.

Segundo explicou Facal, o Concello de Laxe conta co ofrecemento de cesión e a autorización dos propietarios actuais, para poder emprender as actuacións que sexan precisas para a consecución deste proxecto.

O presidente provincial ofreceu a colaboración económica da Deputación para facer realidade a idea do goberno municipal laxense. Unha axuda que articularía mediante unha achega provincial incluída nos orzamentos de 2019 e que contribuiría a facer realidade este proxecto de recuperación dun inmoble singular do patrimonio histórico, cultural e etnográfico de Laxe.

O muíño foi construído en 1924 por Manuel Ramos Mesías e funcionou até 1936. Actualmente está catalogado como ben de patrimonio arquitectónico municipal con protección ambiental. Entre os seus compoñentes, conta con elementos construtivos e mecánicos moi peculiares como o sistema de moa, o mesado de madeira no interior sobre o que se asentaban as moas, feitas en pedra do país, velas triangulares de lenzo, como as dos barcos, cuberta orixinal de cinc, xiratoria por medio de rodas de madeira, ou o cataventos no extremo superior que permitía coñecer a dirección do vento dende o interior.

Remodelación da praza Rúa do Cantón

O alcalde en funcións de Laxe presentou tamén un proxecto para a remodelación da praza da Rúa do Cantón, na confluencia das rúas Cantón, Vista Alegre e Emilia Pardo Bazán da localidade.

O espazo, configurado no ano 2000 como área de esparcemento, presenta hoxe deficiencias estruturais, pavimento esbaradizo e danado, e carece de espazos de aparcamento e escaso radio de xiro para camións, cuestións moi necesarias debido á proximidade do mercado municipal, situado na zona oeste da praza.

O proxecto do goberno municipal inclúe a demolición do pavimento actual da praza e a execución dunha nova soleira de formigón, a desmontaxe dos bancos existentes e a dotación dun novo sistema de alumeado, de baixo consumo, todo iso co obxectivo de facer este espazo máis funcional e mellorar a estética da zona.

A Deputación comprometeuse a estudar as vías de financiamento deste proxecto, a través do Plan Único ou dun convenio de colaboración co municipio.

Páxinas suxeridas