Estás en:Novas

Máis de tres mil rapazas e rapaces participaron xa no programa "O galego, a miña lingua propia" da Deputación da Coruña

O programa "O galego, a miña lingua propia" da Deputación da Coruña rematará a fin deste mes de novembro despois de ter visitado 43 concellos con máis de noventa actividades. Polo de agora, máis de 3.000 rapazas e rapaces participaron xa nesta iniciativa promovida pola área de Lingua que dirixe a tamén vicepresidenta Goretti Sanmartín Rei.

Máis de tres mil rapazas e rapaces participaron xa no programa

Carballo, Cambre, Oleiros, Ponteceso, Teo, Sada, Ordes e Santiago son os concellos que este mes de novembro visitará o programa "O galego, a miña lingua propia" a iniciativa que botou a andar a Deputación da Coruña o pasado mes de maio e ten como obxectivo animar ao uso do galego entre a poboación nova, en especial, o alumnado do ensino secundario.

Até o momento, un total de 3.027 rapazas e rapaces participaron nas 79 actividades que se desenvolveron até fin do mes de outubro en 35 concellos da Coruña. A estas cifras haberá que engadir doce actos programados neste mes de outubro que van desde o obradoiro "Aula sen paredes" de Rosalía Fernández Rial, ás "Historias de arrepío" de Paula Carballeira, á achega á música tradicional para a contemporaneidade de Davide Salvado, o obradoiro de cine de Jaione Camborda, a proposta musical e artística de Xurxo Souto, os versos "de pegatina" de Antía Otero, as mulleres da música debuxadas por Laura Romero ou o obradoiro de cine na aula de Gaitafilmes que rematará o programa o vindeiro 30 de novembro no IES San Clemente de Santiago de Compostela.

"A experiencia está a ser moi positiva porque o programa elaborouse coa vontade de conectar coa xente máis nova e estase conseguindo. Tanto as persoas que participan, todas con moitas cualidades de comunicación co público novo, como as propias actividades están a ser de interese de mozas e mozos e están a contaxiar o interese e a vontade de usar a nosa lingua en todos os ámbitos", explica Goretti Sanmartín Rei, vicepresidenta e responsable da área de Cultura da Deputación da Coruña.

A campaña "O galego: a miña lingua" conta con referentes do mundo da literatura, como Antía Otero, Rosalía Fernández Rial, Paula Carballeira ou Aldaolado; do ámbito musical como Xurxo Souto, MJ Pérez, García MC, Davide Salvado, Monoulious Dop ou Laura Romero; das artes plásticas como Leandro Lamas; do grafite como Sokram e Mou –Mutante Creativo-; ou do sector do audiovisual como Lois Blanco, Gaita Films e Jaione Camborda.

Así mesmo, xornalistas como María Yáñez, Fran Cañotas, Irene Lourido, persoeiros do mundo da ilustración e a moda como Cestola na Cachola, ou do ámbito sanitario como Iria Veiga, son protagonistas dos 20 obradoiros inseridos nos diferentes ámbitos en que son especialistas estas persoas co ánimo de persuadir e reafirmar o uso da lingua galega entre o estudantado.

Deste xeito, xa máis de tres mil mozas e mozos de entre os 13 e os 17 anos, participaron nunha campaña promoción lingüística que se desenvolve nos centros de ensino secundario dos concellos de A Baña, A Coruña, A Pobra do Caramiñal, Abegondo, Ames, Arteixo, Arzúa, Betanzos, Boiro, Cambre, Carballo, Carnota, Carral, Cedeira, Cee, Culleredo, Dumbría, Ferrol, Fisterra, Melide, Miño, Muros, Narón, Oleiros, Oroso, Outes, Ponteceso, Pontedeume, Porto do Son, Rianxo, Ribeira, Rois, Sada, Santa Comba, Santiago de Compostela, Teo, Vimianzo, Cerceda, Ordes, Frades, Trazo, Tordoia e Mesía.

Páxinas suxeridas