Estás en:Novas

Goretti Sanmartín defende a creación dun "triángulo máxico" de programación infantil nos concellos de Ames, Santiago e Teo

A vicepresidenta e responsable da área de Cultura da Deputación da Coruña, participou na presentación da segunda edición do festival Cinema Crianza de Ames que se desenvolverá entre o 15 e 18 de novembro coa proxección de 73 pezas audiovisuais para público infantil. Na súa intervención, defendeu a creación dun "triángulo máxico" de programación infantil que aproveitara sinerxias dos festivais Cinema Crianza, Titiribeira e Galicreques, os tres eventos que se citan no outono pensando especialmente en nenos e nenas.

Goretti Sanmartín defende a creación dun

As creacións audiovisuais como ferramentas de aprendizaxe e diversión nas primeiras idades é o centro da programación do Festival Internacional de Cine Infantil, Cinema Crianza, que se celebra por segunda vez en Ames e que foi presentado este martes coa presenza da vicepresidenta e responsable de Cultura da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín Rei, a alcaldesa en funcións, Genma Otero; o concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, o director do Festival, Marcos Nine, e a coordinadora da cooperativa cultural Urdime, Cristina Fiaño.

Na súa intervención, Goretti Sanmartín defendeu a "necesidade de aproveitar sinerxias e promover conxuntamente un espazo común de programación infantil do que se poidan beneficiar nenos e nenas da comarca". Lembrou que no outono están a desenvolverse tres festivais pensados especialmente para o público infantil como son Cinema Crianza de Ames, Titiriberia de Teo e Galicreques de Santiago de Compostela, ademais dos espazos definidos noutros eventos como o caso de Cineuropa que tamén atende de maneira especial ao público máis novo, co que "sería de especial interese artellar ese triángulo máxico para aproveitar sinerxias e achegar a cultura a nenos e nenas que son tamén o futuro público para o cine e as artes escénicas galegas".

Goretti Sanmartín destacou a rapidez en que o Festival Internacional de Cine Infantil de Ames atopou un espazo de seu na programación cultural ao se situar xa como referencia internacional nesta segunda edición en que recibiu máis de 2.000 propostas audiovisuais procedentes de máis de 90 países das que se proxectarán. Un total de 73 formarán parte do programa do festival que se desenvolve entre o 15 e 18 de novembro nas súas sedes de Bertamiráns e O Milladoiro.

A Deputación da Coruña colabora con Cinema Crianza, organizado polo Concello de Ames e a cooperativa cultural Urdime, a través das liña de axudas destinada a festivais organizados por concellos, á mesma coa que apoia Titiriberia de Teo, unha convocatoria á que neste ano destinou 539.584,94 aos que se suman 491.835 para os festivais organizados por entidades entre os que se atopa Galicreques de Santiago de Compostela.

Páxinas suxeridas