Estás en:Novas

O escritor Xabier López gaña coa novela "900" o XXX Premio Torrente Ballester en galego da Deputación da Coruña

O premio está dotado con 25.000 € e a publicación da obra

O escritor Xabier López gaña coa novela

O escritor Xabier López coa novela "900" é o gañador da nova edición do Premio Torrente Ballester de narrativa en lingua galega. O xurado destacou a calidade desta "gran novela río" que ronda as cincocentas páxinas polas que o autor recibirá un premio de 25.000 €, a maior dotación da literatura na nosa lingua.

O xurado da XXX edición do Premio Torrente Ballester na modalidade de lingua galega decidiu escoller como obra gañadora unha "gran novela río" que foi presentada co lema Casa Tomada e o título "900". Unha vez aberta a plica, a obra resultou ser do escritor Xabier López, un autor cunha traxectoria xa consolidada e unha ampla obra que recibiu xa numerosos recoñecementos en distintos certames literarios.

A escritora Marica Campo, a investigadora e profesora da Universidade de Vigo, Ana Luna, e os escritores Carlos Negro, Suso de Toro e Antonio Piñeiro, gañador da anterior edición do premio coa súa obra "A través do fume", coa vicepresidenta e responsábel da área de Cultura da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín Rei como presidenta e a xefa de servizo de Cultura, Mercedes Fernández Albalat como secretaria formaban parte dun xurado que destacou a "alta calidade das obras finalistas do certame, con novelas moi audaces e arriscadas".

De "900", a obra gañadora, unha novela que supera as 500 páxinas, o xurado destaca que se trata dunha " novela río dunha saga familiar narrada con intelixencia, ironía e mesmo humor". Define tamén a través do fallo a obra presentada por Xabier López como unha "novela sagaz, cervantina que percorre a historia de Galiza e Europa desde o século XIX até mediados até a posguerra de mediados do pasado século".

Xabier López convértese así en gañador do XXX Premio Torrente Ballester de narrativa da Deputación da Coruña na terceira edición en que se convoca para modalidade en galego e en castelán separadas. Nas anteriores edicións Eli Ríos con Luns (Xerais) e Antonio Piñeiro con A través do fume (Galaxia) fixéronse co galardón mellor dotado da literatura galega xa que o premio consiste en 25.000 € e o compromiso de publicación da obra.

O escritor Xabier López naceu en Bergondo (1974) e reside no concello de Betanzos. Licenciado en Dereito, o autor conta cunha ampla e recoñecida traxectoria literaria centrada de maneira especial na novela aínda que tamén visitou o relato e o conto infantil.

Case vinte títulos compoñen a súa bibliografía que se inicia en 1997 coa obra Biff, Bang, pow! (novela case negra). Títulos como Doutor Deus, O caderno, O mono no espello, A estraña estrela, A vida que nos mata, Trinta e dous dentes, Os libros prestados, Cadeas, Olympia Ring O home que sabía voar, Os tres desexos ou O segredo da vella librería son algunha das obras da súa traxectoria literaria.

O Torrente Ballester da Deputación da Coruña, do que o autor fora xa finalista en 2007, súmase á ampla relación de premios recibidos por Xabier López entre os que se atopan o Risco de Literatura Fantástica, o Manuel Lueiro Rey de novela curta, o García Barros, o Premio Xerais de Novela, o Frei Martín Sarmiento, ou o Fervenzas Literarias.

Páxinas suxeridas