Estás en:Novas

A Deputación da Coruña quere actuar de maneira urxente no Pasatempo

O deputado Xosé Regueira anuncia que solicitará á Xunta que autorice o uso inmediato dos 600.000 euros consignados pola institución provincial para a actuacións preventivas no parque

A Deputación da Coruña quere actuar de maneira urxente no Pasatempo

A Deputación da Coruña solicitará á Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia que lle permita o uso inmediato dos fondos consignados para a rehabilitación do Pasatempo de Betanzos debido á urxencia de reparacións que poden conducir a un empeoramento da situación do parque.

O deputado de Plans, Turismo e Patrimonio, Xosé Regueira, solicita á Dirección Xeral de Patrimonio que permita o a utilización inmediata do orzamento para solucionar as urxencias do Pasatempo de Betanzos da dotación económica aprobada no pleno do mes de marzo pola que se destina 598.998,40 euros á rehabilitación do parque.

"A situación é de extrema urxencia e se non actuamos con rapidez os desperfectos serán maiores diante do temor de que se produzan novos desprendementos se non se toman as medidas necesarias para a súa conversación", sinala Xosé Regueira que quere que o orzamento aprobado pola Deputación da Coruña poda ser empregado de maneira inmediata, para o que demanda os permisos pertinentes de Patrimonio que tería tamén "que actuar co carácter extraordinario da situación e axilizar o consentimento para poder evitar riscos maiores". Solicita, desta maneira, asesoramento técnico de Patrimonio para detectar as urxencias para actuar como medidas cautelares de prevención, á espera do proxecto final.

O pleno da Deputación da Coruña aprobou no pleno do mes de marzo un expediente de crédito que recollía os 598.998,40 euros destinados ao Pasatempo que se sumarán aos 150.000 € que achegará o Concello de Betanzos para o proxecto de recuperación do parque construído polos irmáns García Naveira entre finais do século XIX e principios do XX.

Xosé Regueira fixo fincapé nos recentes desprendementos que supuxeron a caída de parte do templete central do Estanque que obrigou a pechar o acceso a unha parte do parque.

Páxinas suxeridas