Estás en:Novas

A Rede Cultural da Deputación da Coruña opta ao Premio do Público de Culturgal

A Rede Cultural da Deputación da Coruña é unha das tres finalistas ao Premio do Público de Culturgal, a Feira das Industrias Culturais, que se desenvolverá entre o 30 de novembro e o 2 de decembro en Pontevedra. Chanfaina Lab e a Casa de Rosalía son tamén candidatas ao premio para o que se poderá votar até o vindeiro 23 de novembro.

A Rede Cultural da Deputación da Coruña opta ao Premio do Público de Culturgal

 

Unha programación estable de cultura nos concellos con case dous milleiros de espectáculos cada ano, un circuíto que promove a difusión de compañías de teatro, danza, música, producións audiovisuais... unha ferramenta clave para a creación de públicos... así é a Rede Cultural da Deputación da Coruña que foi escollida pola Asociación Culturgal como unha das candidatas ao Premio do Público desta nova edición da Feira de Industrias Culturais. Máis de cincocentas empresas, entidades e compañías participan cada ano na nosa feira o que supón o recoñecemento tamén do sector cultural das artes escénicas e audiovisuais.

O lema "A Cultura é un dereito" preside a actuación da área de Cultura da Deputación da Coruña que ten na Rede Cultural un dos seus principais eixos, en especial, pola colaboración que supón cos concellos máis pequenos que achegan á veciñanza unha programación de calidade. A nosa Rede é o circuíto de máis número de actividades que se desenvolve no país e está formada por catro liñas de espectáculos, tres profesionais: ESCENA AO VIVO!, con teatro, monicreques e danza para concellos; VISIÓNS, cinema e contidos audiovisuais para concellos e LINGUA A ESCENA!, instituída en 2017 para promocionar propostas que teñan a dinamización lingüística como obxectivo, pensando especialmente nas xeracións máis novas. Por último, ALICERCE é a liña de música, danza e teatro non profesional para concellos e entidades.

Desde o 9 de novembro até o venres 23 de novembro ás 23:59 desenvólvese a votación dixital que decidirá quen das tres propostas é a gañadora. Pódese participar na votación desde a nesta ligazón.

 

Páxinas suxeridas