Estás en:Novas

A Deputación destina 1,1 millóns para apoiar a 109 empresas de recente creación a través do programa PEL-Emprende

Ante a gran demanda das subvencións, que rexistrou 1.300 solicitudes, González Formoso anuncia que esta liña do PEL duplicará o seu orzamento en 2019

As subvencións, entre os 1.500 e os 20.000 euros están destinadas a autónomos e emprendedores/as con menos de cinco anos de traxectoria

As empresas lideradas por mulleres obteñen o 65% das axudas

A Deputación destina 1,1 millóns para apoiar a 109 empresas de recente creación a través do programa PEL-Emprende

A Deputación da Coruña publica hoxe no Boletín Oficial da Provincia a listaxe das 109 empresas e autónomos/as beneficiarios/as das axudas da liña PEL- Emprende Investimento, enmarcadas no Plan de Emprego Local (PEL) e destinadas a consolidar e fortalecer o tecido empresarial da provincia da Coruña a través do apoio ao investimento en bens inventariables directamente relacionados coa actividade que desenvolven.

Con esta liña de subvencións, o PEL permitirá que 109 empresas de recente creación invistan un total de 1.154.411,10 € na adquisición de aplicacións informáticas, maquinaria, útiles, mobiliario e equipos para procesos de información necesarios para o desenvolvemento dos seus proxectos empresariais.

As axudas están destinadas a empresas con menos de cinco anos de antigüidade da provincia da Coruña, que reciben ata 20.000 euros a través deste programa.

PEL Emprende duplicará o seu orzamento en 2019

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, apuntou que esta liña do Plan de Emprego Local (PEL) "contribuirá a consolidar e modernizar o tecido empresarial da provincia, facéndoo máis competitivo e permitindo o desenvolvemento de proxectos emprendedores que empezan de xeito moi modesto, pero que en poucos anos poden chegar a consolidarse e ser referencia no seu sector".

Ante a gran demanda das subvencións, que rexistrou preto de 1.300 solicitudes, González Formoso anunciou que o goberno provincial decidiu inxectar 1 millón de euros máis na vindeira convocatoria 2019 desta liña, que contará cun orzamento de 2,1 millóns, co obxecto de reforzar o programa e chegar a máis empresas da provincia.

As empresas lideradas por mulleres obteñen o 65% das axudas

No programa de axudas de PEL- Emprende Investimento 2018, destaca o apoio a iniciativas empresariais lideradas por mulleres, cun total de 71 axudas concedidas, que representan o 65,14% do total . Así, 683.431,21€ destínanse a empresas onde a presenza de mulleres na súa dirección e xestión é maioritaria.

En xeral destaca que a meirande parte das solicitudes concedidas irán destinadas a investimentos no sector do asesoramento empresarial e consultaría (14%), seguido polos servizos persoais, de saúde e benestar (13%) onde destacan as actividades de servizos sociais para persoas con discapacidade así como atención sociosanitaria. No sector da construción (7%) cabe destacar a aposta pola economía circular a través do reciclaxe dos residuos e a reutilización dos produtos sobrantes.

En canto á distribución das axudas por concellos, un total de 76 empresas, é dicir, case o 70% do total das empresas que reciben axuda económica con cargo a esta liña, teñen o seu centro de traballo en 40 concellos de menos de 20.000 habitantes, entre as que se distribuirán 739.071,44 €, o que supón preto do 64% do orzamento concedido.

Das 76 solicitudes concedidas a empresas de concellos de menos de 20.000 habitantes, 7 proceden do concello de Bergondo e 5 dos concellos de Cee e Noia, respectivamente.

No referente á distribución por comarcas das solicitudes concedidas, o 20,18% das solicitudes concedidas nesta liña de axudas procede da comarca de Santiago, que acada un financiamento de 281.161,92 euros, e da comarca da Coruña, con 268.181,57 euros, seguidas da comarca de Ferrol cun 11,93 %, e cun importe total de axudas concedido de 135.138,45 euros.

Relación de axudas concedidas no PEL-Emprende Investimento 2018

http://bop.dicoruna.es/bopportal/publicado/2018/11/09/2018_0000008347.html

 

 

 

 

 

Páxinas suxeridas