Estás en:Novas

A Deputación da Coruña debate o Plan de Acción de Servizos Sociais na comarca de Ferrol

A deputada Ánxela Franco reuniuse cos servizos técnicos dos concellos

A Deputación da Coruña debate o Plan de Acción de Servizos Sociais na comarca de Ferrol

Persoal técnico de dez concellos e representantes de entidades da comarca de Ferrol reuníronse coa deputada de Benestar Social e Igualdade, Ánxela Franco e persoal técnico do departamento para avanzar na elaboración do Plan de Acción de Servizos Sociais. A atención a colectivos migrantes, á mocidade e os problemas do transporte público son algúns dos temas que se abordaron na xuntanza.

Persoal técnico dos concellos de San Sadurniño, Ares, Fene, Moeche, Mugardos, Narón, Neda e As Somozas ademais de representantes da Asociación de Pais e Amigos de Deficientes Mentais da Escola de Regoa, Asociación de Diabéticos Ferrolterra, Asociación de Pais de Nenos con Minusvalía (ASPANEMI), Asociación Galega de Afectados por Transplantes Medulares, Asociación Nuestra Señora de Chamorro participaron na xuntanza convocada pola Deputación da Coruña co fin de analizar a situación dos servizos sociais de cara a sumar información na elaboración do Plan de Acción que está a elaborar o departamento dirixido por Ánxela Franco.

A necesidade de mellorar a coordinación entre entidades e administracións públicas foi un dos temas abordados na xuntanza na que tamén se trataron outros temas de especial interese como a urxencia de cubrir as necesidades legais de colectivos de persoas migrantes. Outro dos problemas que o persoal técnico puxo sobre a mesa foi a necesidade de incrementar o traballo coa mocidade nas escolas. Coma noutras xuntanzas do programa que se está a desenvolver no territorio desde a área de Benestar Social e Igualdade un dos problemas fundamentais foi a demanda de mellorar a situación do transporte público, fundamental á hora de conseguir uns servizos sociais máis eficaces.

A deputada Ánxela Franco destacou a necesidade de implementar melloras nos servizos dos concellos xa que, segundo defendeu, "son as áreas que máis próximas están de persoas e as que afectan ás persoas que máis os necesitan en situacións moitas veces de urxencia".

"Para nós é primordial coñecer de primeira man a opinión das persoas que están a traballar día a día na área de Servizos Sociais co fin de elaborar unha ferramenta como vai ser o Plan de Acción que significará un paso adiante na eficacia e coordinación dos recursos existentes", explicou Ánxela Franco.

Destacou que o estudo que está a realizar na Deputación da Coruña, "sentará un antes e un despois" sobre o coñecemento que se posúe arredor das áreas de Servizos Sociais a nivel provincial, e incidiu en que "para realizar ben a xestión dos investimentos, debemos coñecer o territorio primeiro"."É preciso compartir información entre as administracións para que as ferramentas sexan útiles e os recursos cheguen até onde teñen que chegar", engadiu.

Páxinas suxeridas