Estás en:Novas

María Fumaça é a banda convidada na gala final do certame Quero Cantar

O Teatro Colón acolle este sábado a festa do concurso musical infantil e xuvenil da Deputación da Coruña

María Fumaça é a banda convidada na  gala final do certame Quero Cantar

A banda María Fumaça, capitaneada por Uxía, será a convidada este sábado na gala final do Quero Cantar en que se decidirán os grupos gañadores na modalidade de infantil e xuvenil da terceira edición do certame musical da Deputación da Coruña. Xa se poden reservar as entradas ou recoller na Coruña.

O teatro Colón da Coruña acollerá o vindeiro sábado a partir das 18.00 horas a gala final do III Certame de música infantil e xuvenil Quero Cantar, que convoca a área de Cultura da Deputación da Coruña.

A coñecida banda Maria Fumaça dará inicio á festa interpretando as cancións que máis populares se fixeron nos últimos anos entre as nenas e os nenos galegos, para dar paso despois á actuación das seis bandas finalistas do certame.

O concurso propiamente dito comezará coas interpretacións das bandas infantís Cortegadaos, do concello de Cortegada, coa canción "Eu quero ser unha árbore"; As fantásticas, de Fisterra, coa canción "O blues do faro" e Os Calistos, de Teo, coa canción "A princesa azul", todas elas formadas por rapazada de ata 12 anos, coa colaboración dunha persoa adulta nalgúns casos.

Tras elas será a quenda das bandas xuvenís Pequenos Besbellos, de Pontevedra, con "Faite respectar"; Noa, de Vila de Cruces, con "Agora son eu" e Enxebres, tamén de Vila de Cruces con "Sempre combativa", formadas por mozas e mozos de entre 13 e 16 anos.

Unha vez rematada a intervención destas seis bandas, Maria Fumaça volverá ao escenario para continuar tocando mentres o xurado delibera e determina as posicións que outorga ás bandas en cada categoría.

Xa se poden reservar as entradas

As entradas para o evento son gratuítas e poden recollerse anticipadamente no quiosco da praza de Ourense, na Coruña; tamén na billeteira do propio teatro, unha hora antes do inicio do espectáculo, ou ben poden reservarse a través do enderezo electrónico querocantar@querocantar.gal

"O pasado ano a gala final foi unha verdadeira festa e os grupo gañadores "Os nenos da rúa" e "Máis boas cás patacas" foron toda unha revelación con dúas cancións que pegaron moi forte entre a xente nova co cal este ano temos moitas expectativas", sinala Goretti Sanmartín Rei, vicepresidenta e responsábel da área de Cultura da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín Rei. Destaca tamén o interese do programa "á hora de animar á mocidade a nenas e nenos a empregar a nosa lingua a través da canción", sinalou ao tempo que animou a participar na gala final que terá lugar este sábado no Teatro Colón da Coruña.

Todas as bandas concursantes teñen xa asegurado un premio, que pode ser de 1500 euros e máis un videoclip para as primeiras clasificadas, 1000 euros para as segundas e 500 euros para as terceiras. Todas elas teñen dereito ademais á gravación en estudo da súa maqueta, para incluíren despois o tema no disco Quero Cantar 18 que se ha distribuír entre centros de ensino de toda Galicia.

Páxinas suxeridas