Estás en:Novas

A Deputación licita a redacción dos proxectos para a creación das Sendas dos Faros en Ferrolterra e Costa da Morte e a ampliación da Rede Ciclista Metropolitana da Coruña

A Senda dos Faros busca conectar 11 faros de Ferrolterra e Costa da Morte coas poboacións máis próximas coa construción de case 60 novos quilómetros de sendas ciclistas.

A Rede Ciclista Metropolitana ampliarase a Abegondo, Betanzos, Bergondo e Carral.

González Formoso, destaca que se trata de dous proxectos estratéxicos incluídos no Plan Director de Mobilidade Ciclista elaborado polo goberno provincial co obxectivo de "fomentar unha mobilidade máis sustentable e respectuosa co medio ambiente, tamén no ámbito rural".

A Deputación licita a redacción dos proxectos para a creación das Sendas dos Faros en Ferrolterra e Costa da Morte e a ampliación da Rede Ciclista Metropolitana da Coruña

A Deputación da Coruña vén de publicar na Plataforma de Contratación do Estado a licitación de dous ambiciosos proxectos para fomentar a mobilidade sustentable na provincia.

En concreto, a institución provincial licita por importe de 24.200 € a redacción do proxecto técnico para a ampliación en 29,8 quilómetros da Rede Ciclista Metropolitana da Coruña a Abegondo, Betanzos, Bergondo e Carral e destina 60.500 € para a elaboración do proxecto da Senda dos Faros, que conectará con sendas ciclistas 11 faros de Ferrolterra e Costa da Morte.

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, sinalou que se trata de dous proxectos estratéxicos incluídos no Plan Director de Mobilidade Ciclista elaborado polo goberno provincial co obxectivo de "fomentar unha mobilidade máis sustentable e respectuosa co medio natural".

"Un modelo que non queremos que quede limitado ás grandes urbes e áreas metropolitanas, senón que queremos estender tamén aos concellos máis pequenos como un elemento de vertebración do territorio, que facilite a conexión entre núcleos rurais e axude a dinamizar o turismo", indicou González Formoso, que afirmou que estes dous proxectos, xunto co da Vía Verde entre Santiago e Cerceda - xa redactado- suporán un investimento global de 11 millóns de euros para crear 130 novos quilómetros de vías ciclistas na provincia.

A Deputación da Coruña solicitou financiamento para estes proxectos con fondos FEDER, concretamente coas liñas de axudas que convoca o IDAE (Instituto para a Diversificación e o Aforro Enerxético) para proxectos de investimento inferiores a 1 millón de euros no ámbito da economía baixa en carbono en concellos de menos de 20.000 habitantes. O obxectivo do goberno provincial é que os fondos europeos financien o 80% do investimento, mentres que a Deputación asumiría o 20% restante con fondos propios.

Sendas dos Faros en Ferrolterra e Costa da Morte

Coa contratación deste proxecto, a Deputación pretende potenciar os faros das comarcas de Ferrolterra e Costa da Morte e o seu valor cultural, patrimonial e paisaxístico. Para iso, crearanse sendas ciclistas cun ancho aproximado de 2 metros que conecten os faros coas poboacións máis próximas, facilitando deste modo o acceso.

As sendas construiranse en 11 faros (Estaca de Bares, Cabo Ortegal, Punta Frouxeira, Punta Nariga, Cabo de Cee, Lariño, Punta Queixal, Laxe, Cabo Vilán, Fisterra e Caco Touriñán) , creando 59,6 quilómetros de novos itinerarios ciclabes. En total, o investimento previsto para executar este proxecto estímase en 5,1 millóns de euros.

A Deputación considera que este proxecto terá unha gran importancia para promover o turismo e diversificar a economía das poboacións costeiras nunha provincia que conta con 26 faros en funcionamento ao longo de 956 quilómetros de costa.

Faro

Concello

Lonxitude (km)

Estaca de Bares

Mañón

1,7

Cabo Ortegal

Cariño

3,6

Punta Frouxeira

Valdoviño

8

Punta Nariga

Malpica

14

Laxe

Laxe

1,4

Cabo Vilán

Camariñas

5

Cabo Touriñán

Muxía

16

Fisterra

Fisterra

3

Cabo de Cee

Corcubión

3,4

Lariño

Carnota

0,9

Punta Queixal

Muros

2,6

TOTAL

 

59,6 km

 

 

Ampliación da Rede Ciclista Metropolitana da Coruña

O proxecto para ampliar a Rede Ciclista Metropolitana da Coruña suporá a construción de 29,8 novos quilómetros de sendas ciclables nos concellos de Abegondo, Betanzos, Bergondo e Carral, pasando por Cambre.

A nova senda dará continuidade aos case 80 quilómetros da Rede Ciclista Metropolitana da Coruña, un proxecto que supón un investimento de 3,6 millóns de euros e que xa comeza a tomar forma para ser unha realidade. Actualmente atópanse practicamente rematados os tramos de Oleiros e Culleredo, en marcha as obras do tramo urbano da Coruña e a punto de licitarse as obras de Cambre e Arteixo, que xa teñen os proxectos técnicos rematados.

Con este novo proxecto, preténdese dar continuidade a este itinerario ciclista, que remata ao pé do encoro de Cecebre. Partindo deste punto, e con sendas que utilizan camiños públicos como base, o novo itinerario percorrerá o perímetro do encoro, saíndo un ramal para Guísamo e outro que aproveita o val do Barcés - con pendentes máis suaves-  para chegar ata Carral, pasando por núcleos de poboación de Abegondo, como Sarandóns.  No caso de Betanzos, o carril bici simplemente se adentra no termo municipal (na zona de Piadela), xa que a conexión de capital brigantina coa Rede Ciclista debería ser obxecto de posteriores proxectos, dadas as súas características orográficas de ordenación.

Páxinas suxeridas