Estás en:Novas

A Deputación licita as obras de mellora do alumeado na estrada AC-862 e o entorno da Feira de Moeche

Suporán un investimento de máis de 160.000 euros para reducir a factura eléctrica nun 86%, rebaixar a contaminación luminosa e mellorar a seguridade viaria

González Formoso subliña que os proxectos enmárcanse nas 36 obras de renovación do alumeado público que a Deputación, a través do Plan Único financia en concellos da provincia como A Capela, Narón, Ortigueira, As Somozas, Valdoviño ou San Sadurniño e que supoñen un investimento de 3 millóns de euros para mellorar a eficiencia enerxética e reducir ata un 90% a factura eléctrica dos concellos

A Deputación licita as obras de mellora do alumeado na estrada AC-862 e o entorno da Feira de Moeche

A Deputación da Coruña vén de iniciar o proceso de contratación as obras de renovación e mellora do sistema de alumeado público na estrada AC-862 e nos accesos e entorno da Feira de Moeche. Ambos proxectos, redactados pola Fundación Axencia Enerxética Provincial da Coruña (FAEPAC), suman un investimento de máis de 160.000 euros e permitirán un aforro do 85% na factura eléctrica, ao contemplar un alumeado máis eficiente e menos contaminante baseado en tecnoloxía LED.

Con estas obras, a Deputación continúa a colaborando co Concello de Moeche na mellora e dinamización do recinto feiral da localidade, xa que este investimento súmase aos 80.000 € que a institución provincial destinou xa, a través do do Plan Único, ás obras de mellora da accesibilidade, acondicionamento da contorna, e dotación de conexión wifi e sistema de megafonía.

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, subliñou que estas "son dúas das 36 obras de renovación do alumeado público que a Deputación, a través do Plan Único (POS+) financia en concellos da provincia como A Capela, Narón, Ortigueira, As Somozas, Valdoviño ou San Sadurniño e que supoñen un investimento de 3 millóns de euros para mellorar a eficiencia enerxética e reducir ata un 90% a factura eléctrica dos concellos".

Aforro do 86% na factura eléctrica

Cun investimento de 85.217,12 euros, o novo sistema de iluminación da Feira de Moeche mellorará as condicións luminosas da estrada que conduce ao recinto feiral, onde se atopa o aparcadoiro que dá acceso á nave de emprendemento comercial, e a estrada de San Ramón, conseguindo a redución da contaminación luminosa até menos do 1% e, ao mesmo tempo, un aforro do 86% o gasto na factura eléctrica.

Neste sentido, o proxecto supón un paso máis da Deputación na aposta pola eficiencia enerxética nun concello de 1.230 habitantes no que a iluminación pública representou en 2016 un gasto superior aos 90.000 € (un 6% do orzamento xeral municipal).

No caso concreto da Feira de Moeche e a súa contorns, o consumo eléctrico anual sitúase actualmente en 36.510 kWh, que se verá reducido até os 5.104 kWh tras a instalación do novo sistema. En canto á factura eléctrica, esta pasará de 7.667 euros anuais a só 1.071

As obras inclúen tamén a instalación de novas luminarias LED, suspendidas das cerchas existentes, para a iluminación interior da nave de empredemento comercial, e a instalación de proxectores para iluminar a entrada ao recinto.

Nova iluminación na estrada AC-862

A Deputación investirá tamén 75.054 euros na mellora do alumeado público da estrada AC-862 no tramo de 5 quilómetros que vai dende o PK 23+970 ao 29+140, que discorre polos núcleos de Finlle, Trieiro, Leboreiro, Balocos e Sanguiñeira, así como do vial que comunica o centro de San Ramón coa AC-862.

A obras inclúen a reparación ou susbtitución dos báculos danados e a actualización dos cadros de mando da instalación eléctrica, así como a instalación de novas lámpadas LED que reducirán o consumo e mellorarán a calidade luminosa, axudando a incrementar a seguridade vial.

O prazo de licitación das obras remata o vindeiro 23 de novembro, polo que se prevé que podan executarse durante os primeiros meses de 2019

Páxinas suxeridas